O Concello de Lugo inicia as obras de renovación do pavimento en Campo Castelo e Rúa Nova, mentres avanzan os traballos na Milagrosa

O Concello de Lugo inicia esta semana as obras de renovación do pavimento de Campo Castelo e a Rúa Nova, tal e como anunciara antes do San Froilán. Os traballos buscan mellorar o estado do firme e empregar materiais máis resistentes ao paso dos vehículos.

As actuacións, adxudicadas por un importe conxunto de 174.530 euros, desenvolveranse en dous puntos do centro histórico.  As actuacións consistirán na substitución do pavimento deteriorado por unha solución que combina baldosa de granito nos laterais e adoquín sobre unha capa de morteiro de cemento na zona central. Este sistema permitirá mellorar a durabilidade do firme e facilitar a substitución de pezas individuais cando sexa necesario.

En Campo Castelo, cuxa intervención comenza hoxe centrarase no tramo comprendido entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial. Na rúa nova as actuacións vanse iniciar a finais de semana. O prazo de execución previsto para cada unha das obras é de dous meses.

Renovación da rúa Milagrosa: substitución completa do saneamento

Pola súa banda, as obras da rúa Milagrosa, que comezaron tras as festas do barrio, atópanse xa moi avanzadas. A actuación incorpora unha mellora importante respecto do proxecto inicial: a renovación completa da rede de saneamento, tras detectarse problemas nas canalizacións existentes.

Os traballos inclúen a renovación dos colectores, dos pozos de rexistro e das acometidas domiciliarias, ademais das actuacións previstas para transformar a rúa nun espazo de plataforma única, con prioridade peonil.

Con estas intervencións, o Concello continúa desenvolvendo actuacións de mellora dos espazos públicos en distintos puntos da cidade, tanto mediante a renovación de pavimentos deteriorados como coa modernización de infraestruturas soterradas esenciais para o funcionamento das rúas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios