Ecoloxistas en Acción e a veciñanza de Matamá denuncian afeccións graves á saúde polas emisións de Stellantis en Vigo

Ecoloxistas en Acción, en colaboración coa Asociación Veciñal A Unión de Matamá, vén de facer públicos os resultados dunha campaña de ciencia cidadá e biomonitorización desenvolvida entre maio e xullo para avaliar a calidade do aire na contorna da factoría de Stellantis, concretamente nas áreas vinculadas aos procesos de decapado e lacado.

As conclusións apuntan a unha situación crítica que afecta directamente á saúde e á calidade de vida da veciñanza.

Aire contaminado e superación dos límites da OMS

O traballo de campo —que contou con medicións de partículas finas e con tubos pasivos de NO₂ analizados pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM)— revela que o 93 % dos puntos de control superan os valores guía anuais da Organización Mundial da Saúde (OMS) en dióxido de nitróxeno.

Ademais, rexistráronse picos de contaminación aguda onde o PM2,5 e o PM10 duplican ou triplican os limiares recomendados, unha tendencia que corroboran os datos oficiais de Meteogalicia e o rexistro de emisións PRTR da propia fábrica (que declara miles de quilos de NOx e millóns de quilos de compoñentes orgánicos volátiles). A isto súmase a problemática histórica do overspray (mota de pintura sobre vehículos estacionados na zona), documentada graficamente no informe.

Consecuencias directas na saúde da veciñanza

Unha enquisa presencial realizada a 117 persoas adultas da parroquia amosa un panorama alarmante:

  • Percepción social: O 67 % da poboación cualifica a calidade do aire de mala ou moi mala, mentres que só un 5 % a considera boa.
  • Afeccións crónicas: O 44 % dos enquisados padece algunha doenza vinculada coa contaminación. Entre eles, a asma destaca cun 20 % de prevalencia, seguida do cancro (11 %), enfermidades cardíacas (7 %) e EPOC (6 %).
  • Sintomatoloxía diaria: Unha porcentaxe moi elevada relata de forma recorrente irritación nas vías respiratorias, picor de garganta, cheiros fortes e molestias por ruído.

Exixencia de responsabilidades

Ante estes resultados, os colectivos ecoloxistas e veciñais conclúen que existe un núcleo claro de exposición atribuíble ás emisións da factoría. Os informes xa foron entregados na sede da Xunta de Galicia en Vigo para esixir un control efectivo.

«Resulta incomprensible que unha empresa como Stellantis prexudique a saúde dos veciños por aforrarse uns euros no filtrado. Non se trata de que peche a fábrica, senón de que cumpran a lei e non xoguen coa saúde de Vigo», denuncian desde a organización ecoloxista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios