O Celta perdeu contra a Juventus, en Balaídos, no segundo partido da fase de grupos da Liga Europa. Os galegos, tras un primeiro tempo serio, no que se adiantaron cun gol ben elaborado e anotado por Hugo Álvarez, non foron efectivos en defensa tras o descanso. Woltemade, que aceptou o regalo do case sempre eficaz Marcos Alonso, e Kolo Muani, no prolongamento, puxeron nome á segunda vitoria turinesa no arranque da fase.
O Celta máis serio da temporada
Os dous equipos iniciaron o xogo con elaboracións longas. O Celta gozou da pelota máis tempo nos pés. A primeira ocasión local naceu do aproveitamento dun erro juventino nun pase atrasado. Jutglà roubou, puido poñer un centro para Swedberg cuxa cabezada acabou nas mans de Vicario. O cadro italiano foi mais activo no lado de Francisco Conceição. Desde a dereita tamén foi desde onde Gatti, que subira a participar dunha estratexia a balón parado, fixo o primeiro remate do seu equipo. Acomodou o coiro co peito e xutou moi alto dentro da área.
Un roubo en campo propio, co equipo ben escalado, permitiu a Jutglà recibir en tres cuartos, a Javi Rueda darlle apoio antes de facer un recorte, a Swedberg gañar a superioridade polo centro e a Hugo Álvarez culminar só, entrando pola esquerda. O extremo dereito bateu por baixo a Vicario e abriu o marcador aos 18 minutos.
A Juventus asumiu máis responsabilidades co balón ao verse por debaixo. No minuto 23, no centro máis preciso dos visitantes, Koopmeiners cabeceou polo centro, onde xa estaba Radu esperando a pelota.
Coa vantaxe adquirida, o mellor do cadro galego foi a sólida estrutura de xogo, conseguindo interferir as liñas de pase transalpinas, mantendo sempre unha disciplinada presión na parcela do rival. O menos bo, cando xogou con espazos e Jutglà brillou con accións técnicas individuais, foi que o equipo estaba demasiado lonxe da área e non foi quen de finalizar con claridade, agás nunha pola dereita de Hugo Álvarez na que o ourensán xutou moi desviado.
Os visitantes non volveron chegar perto de Radu até o 39. Simplificaron a saída cun balón longo para Woltemade ao que chegou presionado por Yoel. O atacante, mellor posicionado que o defensor, puido xutar coa biqueira, pero mandou a pelota por riba do traveseiro.
Virada italiana
Francisco Conceição foi o más activo no comezo da segunda metade. A Juventus fechou ao Celta e dous disparos do luso foron respondidos por Radu. O primeiro desviouno o romanés por rina da barra e o segundo chapouno por abaixo.
Os visitantes empataron tras un grave erro de Marcos Alonso. OI central quixo controlar co peito n centro desde a esquerda do ataque rival, pero deixou o balón aos pés de Woltemade, que só tivo que cruzar á rede.
O Celta seguiu en repregamento malia o empate, Procurou solucións á contra, como no minuto 65, cando Javi Rueda, entrando pola esquerda, xutou contra o lateral da portería. Pouco despois errou no pase a Jutglà nun tres contra tres.
Radu tamén debeu chapar xunto ao pau un disparo afastado de Sarr no minuto 71.
Iago Aspas mudou a dirección do partido en canto pisou o verde no minuto 75. Malia todo, a Juventus refíxose ao dominio e puido virar o marcador no minuto 87, nunha xogada de Nico González que logo dunha finta, mandou a pelota a media altura perto do pau cando corría o 87. Peor foi no prolongamento, cando Kolo Muani recolleu un balón xunto ao pau e gañou o espazo curto superando a Radu.
O Celta sumou a segunda derrota europea ante un rival que non demostrou ser superior.
Ficha
XOVES 15/10/2026 (21,00) Campo: BALAÍDOS (20-000)
R,C. CELTA : 1 – JUVENTUS F.C. : 2 (1-0).
RCC : Radu; Javi Rodríguez, Yoel, Marcos Alonso; Javi Rueda (Núñez 85’), Moriba, Febas (Burcio 75’), Sergio; Hugo Álvarez (Hugo González 85’), Jutglà (Iago Aspas 75’), Swedberg (Driouech 61’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Faye; Cáceres; Javi Galán; Miller; Antañón; Arcos).
JUV : Vicario; Kalulu, Gatti (Bremer 70’), Kelly (Lucumi 70’); Francisco Conceição (Nico González 64’), McKennie, Koopmeiners (Douglas Luiz 81’), Sarr, Cambiaso, Alajbegović (Kolo Muani 64’); Woltemade. Tre. Luciano Spalletti. (Banco: Pinsoglio (g); Neto (g); Çelik; Cabal).
Goles: 1-0 Hugo Álvarez 18’; 1-1 Woltemade 58’; 1-2 Kolo Muani 90’.
Árbitro: Van der Eijk (Países Baixos). Auxiliares: Bluemink e De Groot. 4º árb.: Lindhout.
VAR: Salisbury. AVAR: Martens.
Disciplina: CA: Swedberg 38’; Kelly 53’; Moriba 84’.