Un Racing dominante anula ao Unionistas e suma a terceira vitoria consecutiva

Gran partido do Racing, que perdoou a goleada ante o Unionistas. O conxunto da cidade naval foi superior en todo ao seu rival. Anotou por medio de Arroyo, que entrou no once a última hora por indisposición de Ropero, e logo escribiu un manual sobre como se controla un partido nesta categoría. No segundo tempo, o Racing perdoou a goleada e non concedeu unha opción clara ao conxunto charro.

O Racing domina ofensiva e defensivamente

Bo comezo do Racing, que superou ao Unionistas con claridade no primeiro cuarto de partido e posicionalmente no segundo. Non foi un período de ocasións. Ao Racing custoulle ver buracos no sistema defensivo montado por Javier Medina. Algunha subida de Saúl, querendo dar más opcións a Ojeda e, ocasionalmente, algunha acción de Buján. O Racing, que xogaba con laterais novos pola sanción de Álvaro Ramón e unhas molestias de Leal, non tivo problemas defensivos diante dun rival que modificaba o debuxo, atacando con dous homes cando dispuxo do balón.
A primeira ocasión local rematou en gol. Buján fíxose co coiro en tres cuartos, ollou como Arroyo tiraba o desmarque por diante ante o espazo que deixaban Gorka e Caballo, e o pucelano, dentro da área, cruzou un pelotazo alto que non puido deter Álex Daza.
O gol non atrasou ao Racing, cuxa presión adiantada condicionaba o xogo asociativo do Unionistas. Caballo, buscando saídas con movementos interiores, Arnau Casas e De la Nava, perdendo metros para gañar superioridades no centro, eran incapaces de conseguir progresar ante o traballo de Fabio e Bernal, incluso de Edgar, que chegou a perseguir a De Busto nalgunha vez até o círculo central.
A primeira ocasión visitante naceu dun centro de Morer, que a duras penas puido rematar De la Nava. O seu xute foi con bote e sen dirección aos 28 minutos. A mellor, no momento no que os charros moveron máis tempo a pelota na parcela defendida polo Racing, naceu dun saque de esquina á dereita de Lucas. Marcelo disparou desviado na perpendicular do segundo pau.
Os últimos minutos do primeiro tempo foron un querer e non poder do Unionistas. O nivel defensivo do Racing lembrou ao do segundo tempo da pasada xornada en Riazor cando ficou cun menos. O Unionistas non era quen de superar os tres cuartos e viuse obrigado a reiniciar desde atrás en varias ocasións. Antes do asubío foi Eto’o quen dispuxo da última. Aproveitou un mal pase dos branco e negros para presentarse na área e disparar alto.

O Racing anula ao Unionistas e perdoa a goleada

O dominio do Racing no segundo tempo foi máis abusivo. Non concedeu opcións claras ao rival e volveu a ter unhas cantas con roubos saídos da presión adiantada e con varias contras que non conseguiron concluír na rede.
Ao minuto do segundo tempo xa tivo que empregarse Álex Daza para deter un disparo de Buján. O Racing recuperara en tres cuartos unha mala saída visitante.
O descontrol posicional do Unionistas tras perda non rematou con tres goles en cinco minutos por centímetros. Primeiro foi Eto’o, que non cruzou o suficiente e ollou como Álex Daza desviaba o seu disparo tras unha contra. Arroyo non acertou, como no primeiro tempo, logo da segunda contra consecutiva do conxunto ferrolán. A súa folla seca lambeu o traveseiro. O xogador pucelano propiciou a terceira ao poñer un centro desde a dereita. Mediu mal a dirección e, en lugar que o coiro chegara a Buján para o remate curto, foi para Saúl, quen chegou para conectar un potente disparo desde a frontal que pasou a rentes da escuadra.
Javi Vázquez gañaba a partida na súa totalidade a Javi Medina, que sen un punta definido e Casas tendo que ir demasiados metros atrás, non resolvía os seus problemas de saída nin con as substitucións. As novas ocasións foron locais tras as novas modificacións do técnico visitante. A inseguridade defensiva, o balbordo nas permutas e o funil que creou sobre o seu mesmo conxunto o técnico salmantino cos movementos interiores de Morer e Caballo esnaquizaron as súas posibilidades. Arroyo puido facer dobrete e Ojeda asinar a sentenza con máis dun cuarto de hora para o feche. En ambos casos toparon coas luvas de Álex Daza.
O partido foi cara ao remate, pero o Racing non deu opcións ao rival nesa parte definitiva do xogo. O único importante que sacaron os charros foi unha cabezada de Luis Alcalde, con pouco ángulo e menos forza, que chapou Lucas.
O Racing afiánzase na parte alta da táboa coa terceira vitoria consecutiva dando unha sensación de ser excesivamente superior ao Unionistas, que puido marchar feliz ao apañar só un gol, pero preocupado pola mala sensación do seu fútbol, enchido de pases atrasados.

Ficha

SÁBADO 17/10/2026 (13,00) Campo: A MALATA (4.143)
RACING C. FERROL : 1 – UNIONISTAS DE SALAMANCA C.F. : 0 (1‑0)

RAC : Lucas; Edgar (Azael 88’), Monjonell, Germán, Saúl; Bernal, Arroyo (Raúl Blanco 78’), Fabio; Buján (David Castro 88’), Eto’o (Alcaina 66’), Ojeda (Esquerdo 78’). Tre. Javi Váquez. (Banco: César (g); Sekou; Ropero).
UNI : Álex Daza; Morer, Serrano, Gorka Rivera, Caballo; Álvaro Gómez, Marcelo (Leo 78’), Gonzalo Pastor, (Luis Alcalde 61’) Casas, De Bustos (Chatiíllez 73’); De la Nava (Juanma 73’). Tre. Javi Medina. (Banco: Bernad (g); Mayor; Saidi; Retu; Mutilva).
Goles: 1-0 Arroyo 20’.
Árbitro: Altuna Paguey (País Vasco). Auxiliares: Martínez Senosiáin e Aostri Durán. 4º árb.: Ugalde Alejos.
Disciplina: CA: Ojeda 24’; Caballo 72’; Monjonell 89’; Alcaina 90’.

Foto: Saúl pon un balón na área. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios