O Concello de Lugo e a Asociación Provincial de Taxistas e Radio Taxi acordan crear catro novas licenzas permanentes de taxi adaptado

A reunión tamén permitiu avanzar na extensión do taxi a demanda a Orbazai, Adai e Meilán e abordar novas fórmulas para mellorar o transporte nocturno.

O Concello de Lugo e a Asociación Provincial de Taxistas e Radio Taxi avanzaron en novas medidas para mellorar a mobilidade no municipio nun encontro presidido pola alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide.

O principal acordo da reunión foi a creación de catro novas licenzas permanentes de taxi adaptado, co obxectivo de ampliar a oferta deste servizo e mellorar as alternativas de transporte para as persoas que precisan vehículos adaptados.

Avances na ampliación do taxi a demanda no rural

Outro dos asuntos abordados foi a extensión do servizo de taxi a demanda ás parroquias rurais. O Concello avanza para que esta prestación chegue a Orbazai, Adai e Meilán, como parte dunha implantación progresiva que ten como reto final cubrir todas as parroquias do municipio.

Na actualidade, o servizo funciona nas parroquias de Carballido e Labio. A súa ampliación permitirá avanzar cara a unha maior cobertura do transporte no rural e mellorar as posibilidades de desprazamento da veciñanza que non dispón doutras alternativas de transporte público.

O obxectivo municipal é continuar estendendo progresivamente este modelo para dar resposta ás necesidades de mobilidade do conxunto do territorio rural.


Durante o encontro tamén se abordou a necesidade de mellorar as opcións de transporte nocturno. Neste ámbito, o Concello estudará outras fórmulas que permitan dar resposta ás necesidades de mobilidade durante a noite.

Comparte éste artículo
No hay comentarios