Importante vitoria de Baxi Ferrol en Polonia para pensar no pase ás eliminatorias (65-87)

A ausencia de Belošević no Baxi Ferrol, lesionada no partido contra o Gernika, foi menos importante que a da norteamericana Alston, que xogou algúns minutos condicionada fisicamente para o Ślęza. O cadro dirixido por Lino López foi superior ao polaco en dous dos catros segmentos temporais e cunha grande actuación de Shaw, no seu mellor partido desde a chegada a Ferrol, puido garantir o triunfo sen atrancos en Breslavia. Cada vez máis necesaria para as rotacións, a bonanza final do partido deixou que Mestres sumara algúns minutos máis na súa “pretemporada”.

O equilibrio defensa-ataque distancia ao Baxi Ferrol

Fluidez nos ataques, co Ślęza aproveitando as contras e o Baxi Ferrol repartindo triplas para Doogan, Melia, Castedo e Shaw describiron o comezo do terceiro partido do Grupo D na Eurocup feminina. O choque era unha final na loita pola terceira praza, que aínda pode dar o pase á fase eliminatoria se calquera dos dous logran estar entre os cinco mellores desa posición contando os doce grupos.
A alta porcentaxe de acertos permitiu que Ślęza e Baxi Ferrol tiveran moi bos números no marcador ao paso polo ecuador do cuarto (13-18). A única pega para as galegas foron as dúas faltas de Galičková, que obrigaron a que Lino López modificara o cinco inicial.
As substitucións melloraron a presión defensiva e o rebote visitantes sen perder o nivel en ataque. Até Priede anotou de tres permitindo que as galegas superaran os dez puntos de vantaxe por primeira vez (15-26). Nos mellores momentos da letona co equipo, non só anotou dous puntos máis a distancia, senón que colocou unha tampa a Rutkowska. “Metralladora” Shaw, co pulso máis firme que outras veces, completou un colectivo 7 de 12 alén dos 6,75 para que o Baxi Ferrol chegara ao remate do primeiro cuarto dobrando ao cadro polaco.

Ślęza sobrevive a certa distancia

O Baxi Ferrol non comezou cómodo o segundo cuarto tendo caras novas en relación ao quinteto inicial do partido. O equipo atascouse coa mala puntería de Šotolová. Doogan, que lograra os dous únicos puntos visitantes no período, cometeu pouco despois a segunda falta. O mellor para o Baxi Ferrol era que o Ślęza tamén andaba desacertado nos lanzamentos, incluídos os tiros libres. Puc, por exemplo, só foi quen de anotar un de tres case consecutivos.
O conxunto galego cargouse axiña de faltas e entrou en bonus a medio cuarto para o descanso. Unha tripla de Strautmane rebaixou a distancia a dez puntos (24-34).
Lino López recuperou o nivel de xogo do equipo logo das rotacións. Unha tripla de Shaw, unha canastra baixo o aro de Melia, máis un roubo de Shaw á lesionada Alston, que facilitou a bandexa da visitante, volveron subir o marcador a unha diferenza de 16 puntos (27-43).
Os 19 de valoración de Shaw evidenciaban que estaba a facer o seu mellor partido coas de Ferrol, liderando ao equipo en ataque con 16 puntos dentro dunha boa porcentaxe nos intentos de tres (4 de 7). No aspecto coral, outro factor do éxito foi ter perdido a metade dos balóns que o cadro polaco.

Atascadas fronte unha defensa fechada

O Ślęza comezou mellor o segundo tempo, con ataques más traballados que remataban perto do aro. Lino López parou o partido tras unha canastra fácil de Strautmane, que elevaba o parcial favorable ás locais a un 9-2. As polacas rebaixaban a barreira psicolóxica dos dez puntos logo de moito tempo (41-49).
Puido ser peor porque Jeziorna non completou o dous máis un segundos máis tarde. Melia quebrou momentaneamente a xeira negativa. A defensa individual fechada do Ślęza impedía que Baxi Ferrol atoparan bos cruces e espazos na zona local. Afortunadamente, Shaw tiña un excelente día para xogar a baloncesto e desentumeceu o ataque galego con dúas triplas (47-57).
Lino López, cun tempo morto, conseguiu explicarlle ás súas o misterio da defensa polaca e as ferrolás comezaron a crecer no partido até o remate. Shaw mantivo o acerto e nunha boa mellorada final o Baxi Ferrol só perdeu de tres o cuarto.

Todos os puntos contan para loitar entre os quintos

O primeiro punto do último cuarto foi galego ao anotar Priede un dos dous tiros libres sacados dunha falta a Kulínska. O mellor, ademais da nova tripla de Shaw, foi a defensa das forasteiras. Axustadas atrás, o Baxi Ferrol volveu a escapar cunha tripla de Castedo. As polacas non tiñan liñas de pase nin posicións de lanzamento. Con 52-71, outra perda local determinou que Arkadiusz Rustin pedira tempo. O 0-7, e que a posibilidade de gañar fuxira a case vinte puntos, obrigaba a iso.
Ślęza defendeu en 3-2, pero Priede, no primeiro ataque fronte á proposta zonal, quebrou a última esperanza polaca cunha tripla, A inferioridade das anfitrioas tamén se reflectía na fatiga de Gaston. Rustin tivo que facela descansar na parte final malia ser a segunda mellor valorada do equipo (12).
A vitoria ferrolá estaba asegurada e Mestres tivo os seus minutos. Pouco demorou en anotar a súa única tripla (58-81). O Ślęza xa estaba en bonus cando o Baxi Ferrol fixo a primeira falta no cuarto. A intensidade defensiva das galegas chegou até o último segundo. Un dous contra unha, pasada a divisoria, facilitou o roubo e a derradeira bandexa do partido de Šotolová. Shaw, retirada a tres minutos para o remate, foi a mellor cunha eficiencia de 33.
Paso adiante do Baxi Ferrol para ser terceiro de grupo, tendo en conta que os cinco mellores dos doce grupos que clasifiquen nesa posición tamén pasarán á fase das eliminatorias. A próxima cita, o vindeiro martes, ás 20:15, será na Malata contra Olympiakós, que vai segundo cunha vitoria máis que a escuadra galega. As gregas perderon moitas opcións de ser primeiras ao caer na casa contra o Mersin (62-89).

Ficha

MÉRCORES 28/10/2026 (18,30) Pavillón: ŚLĘZA (Breslavia-Polonia (860)
ŚLĘZA : 65 – BAXI FERROL : 87 (15-31) (32-47) (52-64)

SLE : Gajda (5), Kulínska (15), Jeziorna (4), Strautmane (11), Gaston (11) – cinco inicial – Puc (6), Alston (3), Jasik (0), Rutkowska (10). Tre. Arkadiusz Rustin. Non xogaron: Mielnicka.
BAX : Castedo (7), Shaw (32), Doogan (10), Galičková (2), Melia (14) – cinco inicial – Martínez (0), Mestres (3), Šotolová (4), Priede (13), Eke (2). Tre. Lino López.
Árbitros: Gruber (Hungría), Bejat (Noruega), Tiidor (Estonia).
Eliminadas: Galičková (36’: 58-77), Strautmane (38’: 58-77).

Foto: Sydney Shaw foi a mellor do Baxi Ferol no triunfo galego en Breslavia. © FIBA.

Comparte éste artículo
No hay comentarios