O Plan Deputación, principal instrumento económico da institución provincial para a cooperación cos concellos, acadará os 25 millóns de euros en 2027, o que supón un incremento de 2,75 millóns respecto ao exercicio vixente. Trátase dun crecemento histórico do 12,4 %, moi superior aos 250.000 euros de suba anual que se viñan rexistrando habitualmente.
A aposta da presidenta da Deputación, Carmela López, responde á necesidade de dotar de maiores recursos aos municipios, que cada vez deben facer fronte a máis desafíos e competencias —moitas delas impropias— para atender as demandas veciñais. Esta alza pódese acometer grazas á achega procedente da participación nos ingresos do Estado e á xestión económica da propia institución provincial.
Maior liquidez desde o inicio do ano
Outra das grandes novidades do Plan Deputación 2027 é a flexibilización dos prazos e a liquidez: os anticipos ás entidades locais pasarán do 50 % actual a un máximo do 80 %. Deste xeito, os concellos disporán dunha maior parte dos fondos desde o inicio do exercicio para poñer en marcha con maior axilidade as actuacións previstas.
Este incremento forma xa parte do núcleo dos Orzamentos de 2027, que a presidenta e o vicepresidente da institución, Efrén Castro, están a ultimar estes días para someter á aprobación do pleno este mesmo mes. As liñas xerais do documento serán expostas por Carmela López este luns no Parlamento de Galicia.
Máis fondos para 63 dos 67 concellos
O plan mantén o seu modelo de reparto obxectivo baseado en criterios demográficos e territoriais: a poboación pesa un 40 %; as entidades singulares, un 25 %; a superficie, un 20 %; e o índice de envellecemento, un 15 %, garantindo ademais unha achega mínima de 150.000 euros por concello.
Deste incremento se beneficiarán 63 dos 67 concellos, mentres que Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro manterán o tope máximo xa establecido de 600.000 euros.
Os fondos permiten financiar dende obras de infraestruturas ata servizos cruciais como o Servizo de Axuda ao Domicilio (SAF), o emprego, a cultura, o deporte, a accesibilidade ou a protección civil, exercendo os concellos a total autonomía sobre o seu destino.
Valoracións do goberno provincial
“O Plan Deputación é unha ferramenta fundamental para apoiar os concellos e atender as necesidades da veciñanza. Aumentamos os recursos e avanzamos o anticipo para que os municipios poidan contar antes cos fondos e executar os seus proxectos”, destaca a presidenta, Carmela López.
Pola súa banda, o vicepresidente, Efrén Castro, subliñou o interese compartido do goberno provincial por dar un impulso substancial: “Os recursos do Plan Deputación sosteñen a capacidade de investimento dos concellos, especialmente dos máis pequenos, que empregan estes fondos para financiar boa parte das obras de mantemento e melloras de infraestruturas municipais a partir de criterios de distribución obxectivos”.