O Campo de Mariñamansa foi escenario dunha gran festa do deporte coa celebración do VII Torneo de Outono de Hockey Hierba, unha cita xa consolidada no calendario autonómico que reuniu a preto de 200 xogadores sobre o terreo de xogo.
A xornada, desenvolvida en horario de mañá e tarde, destacou pola intensa actividade competitiva, logrando disputarse un total de 44 encontros correspondentes ás diferentes categorías de base, dende as etapas iniciais ata a categoría infantil. O numeroso público asistente puido desfrutar do bo ambiente e comprobar en directo a progresión e o crecemento deportivo dos mozos e mozas participantes.
Desde a organización quere agradecerse un ano máis o excepcional traballo do C. H. Albor, cuxo esforzo e dedicación fan posible que este evento siga crecendo edición tras edición e converténdose nun referente para o deporte base ourensán.