O Baxi Ferrol superado por Olympiakós malia o bo primeiro tempo (58-77)

O Baxi Ferrol sorprendeu ao Olympiakós no primeiro tempo, pero non puido manter o equilibrio en defensa e ataque no segundo, cando o cadro grego aumentou a intensidade defensiva nos últimos vinte minutos. Shaw volveu deixar patente que é unha xogadora intermitente, capaz do mellor e do peor (2 de 12). A maioría das compañeiras tampouco estiveron mellor, acentuando a mala porcentaxe no derradeiro cuarto. Eke deu un paso máis no seu progreso zafándose na pintura con Pendande ou Fankam.
Terceira derrota do cadro galego, que xa vai depender de perder por pouco en Turquía, gañar de moito ao Ślęza e de demasiados equipos, para ser un dos cinco mellores terceiros ao remate da fase de grupos e pasar ás eliminatorias.

Espectacular ultimo minuto do cadro galego

Os problemas ofensivos do Baxi Ferrol no comezo do partido, que ademais viuse abaixo coas canastras de Ewodo e Pendande foron quebrados cunha tripla de Doogan. O partido mantívose con alternativas no mando e un empate a 14 no que se entrou no derradeiro minuto. O Baxi Ferrol, no seu momento máis brillante do encontro, estirouse nunha boa combinación de defensa e ataque cunha canastra de Priede e triplas de Doogan e Šotolová. O remate do cuarto deixoulle claro ao camaronés Ahmed Mbombo Njoya que xogar ao mesmo tempo con Kollatou, Anastasopoulos e Karlafti non dá os mínimos para a competición continental.

O Baxi Ferrol alcanza o seu tope

Olympiakós entrou no segundo cuarto cun cinco máis competitivo, mentres que nas locais non estaba Shaw en relación ás que remataran o anterior. A norteamericana non estivo á altura das esixencias do rival. As helenas baixaron a distancia con anotacións de Maly e Ewodo, pero o Baxi Ferrol refíxose con outras de Doogan e Melia. As do Pireo perderon tiro, pero gañaron máis presenza na pintura coa volta de Fankam, que entrou por Pendande. Unha canastra de Melia deu a máxima vantaxe ás ferrolás (28-19), e unha tripla de Christinaki marcou a lenta, pero segura, virada das visitantes. Ao descanso chegouse cun tiro libre anotado por Doogan, sen dar engadido o do segundo lanzamento.

Olympiakós sube o nivel defensivo e vira

Olympiakós mellorou defensivamente e virou o marcador con cinco puntos de Pendande. Maly meteu outra tripla e Lino López pediu tempo morto logo dun 0-8 a 7:28 do remate do cuarto. Unha gravata a unha tripla de Castedo, que non se atreveu con outro estando liberada, e dous malos tiros afastados de Doogan e Melia explicaban a ausencia de puntos locais. Tras o tempo, Fankam fixo a terceira falta e foi substituída por Christinaki. Outro problema das locais era a falta de fluidez nos ataques posicionais, Pendande, á contra, ampliaba a conta co seu sétimo punto no cuarto. O mellor era que Olympiakós entraba en bonus con cinco minutos por diante,
Ewodo fixo un 2-16 cunha bandexa e as gregas puxéronse dez arriba (37-47). Shaw, noutro desafortunado partido, errou a posibilidade de reducir a catro errando baixo o aro e as helenas marcharon a nove cunha tripla de Lambert. Shaw volveu a errar outra tripla frustrando a nova tentativa de achegamento no último ataque local do cuarto. A resposta deuna a manicha Maly cunha nova tripla.

Carrusel de erros galegos

Malia que Doogan superou a Ewodo cunha canastra no comezo do derradeiro cuarto, Olympiakós apertou e tomou os dez puntos ao minuto. Lino López pediu tempo con 47-57, Shaw, por fin, anotou a súa primeira canastra, Foi de tres puntos e logo meteu unha de dous antes de comezar outra xeira continuada de erros que afastaron ao Baxi Ferrol da posibilidade de gañar. O cadro heleno non erraba en ataque (52-65) mentres as locais mantiñan o seu carrusel de triplas liberadas erradas con Šotolová imitando o desacerto de Shaw.
O encontro rematou con 19 puntos de desvantaxe que afastan as posibilidades do Baxi Ferrol para ser un dos cinco mellores terceiros co que pasaría á fase das eliminatorias. Christinaki, que foi unha das responsables da mudanza no segundo tempo, foi a mellor do encontro cunha valoración de 22.
O próximo partido será en Turquía, na cancha do Mersin, que aspira a revalidar o título da competición.

Ficha

MARTES 03/11/2026 (20,15) Pavillón: A MALATA (1.397)
BAXI FERROL : 58 – OLYMPIAKÓS : 77 (22-14) (35-31) (45-53)

BAX : Castedo (5), Shaw (5), Doogan (19), Galičková (5), Melia (8) – cinco inicial -, Martínez (0), Šotolová (5), Priede (4), Eke (7). Tre. Lino López. Non xogaron: Permuy. Mestres, Baldonedo.
OLY : Lambert (7), Christinaki (19), Ewodo (12), Pendande (14), Fankam (13) – cinco inicial – Karlafti (0), Anastasopoulou (0), Koliatou (0), Maly (12). Tre. Ahmed Mbombo Njoya. Non xogaron: Sakellariou,
Árbitros: Dori (Italia), Kestein (Países Baixos), Mascarenhas de Oliveira (Portugal).
Eliminadas: Non houbo.

Foto: Eke pelexou contra as pivotes visitantes. © FIBA

Comparte éste artículo
No hay comentarios