Cruel derrota do Racing ante a U.D. Logroñés na Malata (1-2)

O Racing perde efectividade e, na liña de resultados da pasada temporada, caeu contra o terceiro equipo importante contra o que xoga esta temporada. Tras un primeiro tempo no que Javi Vázquez formulou o partido á contra, os goles chegaron na segunda. Os dous primeiros de penalti. Dous que iniciaran o partido desde o banco. Miguelete e Eto’o, que tamén foron as vítimas dos mesmos, enganaron a Lucas e Taliby. Na última xogada, co Racing ao ataque, José Val, outro dos suplentes, sentenciou o partido de xeito cruel, pero ao mellor xusto.

O Racing prégase ante o segundo

Un Racing pregado e á contra fronte un Logroñés que apostaba pola posesión foron os primeiros sinais dun partido dos importantes da xornada entre dous equipos situados na zona de clasificación que dá acceso á fase de ascenso. Aos dous minutos, nun ataque vertical dos visitantes, Germán desviou oportunamente o disparo de Berto Rosas desde a frontal.
No minuto seis, aproveitando o primeiro saque de esquina do Racing, que vestiu coa terceira indumentaria, azul e branca, nunha chiscada emotiva ao malogrado Jesús e ao Tenerife, Alcaina mostrou que non está no momento máis afortunado. A un metro do punto de penalti, coa posibilidade de finalizar a xogada de volea, deulle ao aire, desperdiciando a primeira ocasión clara do cadro galego.
O partido continuou sen moitas ocasións, coa posesión do conxunto rioxano procurando polo exterior a Anai, o mellor goleador do grupo, e por dentro a Berto Rosas. No minuto 24, Lucas estirouse para desviar antes da base do pau un libre directo lanzado por Marí. O Racing, pola súa banda, deixábase ver á contra con varios xestos intranscendentes de Buján e algún con máis perigo de Ojeda, pero sen causar problemas a Taliby,
Volveu a tela o Logroñés nunha mala saída de Bernal. Marí cortou na divisoria, serviu para o desmarque polo centro de Berto Rosas, cuxo disparo desde a media lúa pasou por riba do traveseiro.
No minuto 36, no ataque máis longo do Racing, Ojeda recibiu a deixada de cabeza de Saúl para disparar frouxo e raso. Taliby atallou sen problemas. O Logroñés entendera que podía facer máis dano no flanco tapado por Edgar e por aí entrou Anai no minuto 43 para deixarlle un agasallo a Mari, que estragou a clara ocasión visitante xutando alto.
No prolongamento, o Racing recuperou perto da área rival por unha boa presión de Alcaina, pero tras servir o servizo de Arroyo na área, andou lento e deulle de novo ao aire ao anticipárselle Carlos.

A ambición rompe o saco

A primeira ocasión do segundo tempo foi visitante. Logo que tivera que marchar Marí, con molestias, o Logroñés aproveitou un mal disparo de Bernal para saír á contra. Edgar, nunha gran carreira, chegou a tempo para tirarse ao chan e desviar o xute na área de Anai. No minuto 51, o árbitro pitou penalti nunha colada de Miguelete, que entrara no descanso. O mediapunta visitante caeu na área presuntamente desequilibrado por Buján. O propio Miguelete enganou a Lucas e subiu o 0-1-
Javi Vázquez gastou a primeira xanela con tres incorporacións e Ropero, un dos novos, non demorou en ofrecerse a unha contra coa que encarou a Taliby, O meta esperou e desviou o disparo do atacante racinguista.
Un pase filtrado de Rubén Blanco, outro dos novos, a Ojeda, que aparecía ás costas da defensa, golpeouno o canario tan forte coma desviado.
A entrada de Fabio melloraba ao Racing nos corners. Edgar, nunha cabezada alta no segundo pau, e Eto’o, noutra no corazón da área que parou Taliby, deron a opción do empate ao conxunto da cidade naval.
Miguelete personificaba os ataques branco e vermellos no segundo tempo e xutou perto do pau no minuto 74 tras unha temporización de Anai. O Racng respondeu cun disparo de Ojeda con pouco ángulo, que Taliby rexeitou perto do pau. Tamén con pouco ángulo xutou Anai no 78. Lucas estirou a perna e tamén rexeitou o coiro.
No minuto 83, Eto’o anticipou á defensa para recoller no pico da área pequena un centro raso de Leal. Caeu antes do control sobre a presión dun rival sen que o colexiado interpretara penalti, decisión que rectificou loo de revisar o monitor a petición dos locais. O mesmo Eto’o lanzou o primeiro penalti a prol do Racing na temporada e enganou a Taliby.
O Racing quixo virar o marcador no tempo que faltaba e case o logra no minuto 89, nunha contra iniciada por Raúl Blanco que fechou Leal cun disparo raso a rentes do pau.
O prolongamento, co Racing desatado, un centro ao segundo pau de Raúl Blanco puido rematalo Saúl, que chegou ao balón moi apurado e non atinou coa dirección.
A penúltima do Logroñés foi un golpe franco que lanzou Miguelete e atallou no centro Lucas. A última, logo dunha perda en subida de Germán, foi unha contra na que Baselga recibiu na área, cedeu a José Val, quen atopou o ángulo de tiro cun reverso e bateu de disparo cruzado a Lucas. O colexiado pitou a continuación o final.
Primeira derrota do Racing na Malata, que é a terceira ante o terceiro rival da parte alta contra o que xoga.

Ficha

SÁBADO 07/11/2026 (13,00) Campo: A MALATA (4.017)
RACING C. FERROL : 1 – U.D. LOGROÑÉS : 2 (0‑0)

RAC : Lucas; Edgar (Leal 76’), Germán, Monjonell, Saúl; Esquerdo (Fabio 56’), Bernal, Buján (Ropero 56’); Ojeda, Arroyo (Raúl Blanco 56’), Alcaina (Eto’o 65’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); David Castro; Sekou; Azael).
LOG : Taliby; Navarro, Pedreño, Carlos, Barandalla; Papa Ba (Chinedu D), Marí (José Val 48’), Asenjo (Quique Rivero 69’), Zabala (Miguelete D), Anai; Berto Rosas (Baselga 63’). Tre. Unai. Mendia. (Banco: Fermín (g); Cabetas; Bolo; Amigo).
Goles: 0-1 Miguelete 54’(p); 1-1 Eto’o 86’(p); 1-1 José Val 90’.
Árbitro: García Gómez (Estremadura). Auxiliares: Arévalo Rosado e Buergo González. 4º árb.: Pastoriza Iglesias.
Disciplina: CA: José Val 61’; Anai 70’; Taliby 86’; Fabio 89’ / César (sup. RAC) 37’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios