Fronte Ampla celebrou hoxe en Noia a súa conferencia territorial, un encontro no que o portavoz da formación, Paulo Carlos López, puxo o foco na urxencia de protexer o sector marisqueiro galego e frear o avance da extrema dereita nas institucións.
Durante a súa intervención, López subliñou que «o voto a Fronte Ampla é un voto firme contra a extrema dereita, contra a ideoloxía que ataca os dereitos das mulleres e do colectivo LGTBIQ+, e un rexeitamento frontal aos negacionistas do cambio climático», alertando do risco de que discursos negacionistas accedan aos órganos de goberno.


Un plan específico para rescatar as rías galegas
Aproveitando o enclave marinero de Noia, o portavoz fixo fincapé nas graves consecuencias que a crise climática xa está a causar no litoral galego. A elevada mortaldade de bivalvos pon en risco a actividade económica dun sector maioritariamente feminizado, do que dependen historicamente centos de familias na comarca.
Ante esta situación de emerxencia, Fronte Ampla propón a posta en marcha dun Plan de Rexeneración das Rías. Esta iniciativa estrutúrase en torno á captación e xestión eficaz de fondos europeos —canalizados a través do Estado— co obxectivo de recuperar os bancos marisqueiros, protexer os ecosistemas mariños e garantir o futuro laboral das mariscadoras.
«O cambio climático xa ten consecuencias directas nas actividades de Noia e de moitas outras rías de Galicia. Cómpre aplicar políticas ambientais valentes que protexan o emprego e a supervivencia das nosas comunidades costeiras», concluíu López.