O Concello da Laracha adxudica 80.000 euros en axudas municipais á escolorización

Así foi acordado hoxe pola Xunta de Goberno Local. Os beneficiarios teñen de prazo ata o 30 de novembro para xustificalas.

O Concello adxudicou hoxe as axudas municipais á escolarización. A Xunta de Goberno Local tomou a decisión de acordo á proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou as 498 solicitudes presentadas segundo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.

A lista de bolseiros estará dispoñible para a súa consulta a partir de mañá na web municipal www.alaracha.gal (últimos avisos), onde tamén poderá descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro, e serán abonadas polo Concello antes de final de ano.

A convocatoria deste curso conta cunha dotación de 80.000 euros, cantidade que representa un incremento de preto do 7 % respecto ao exercicio anterior. Este aumento reflicte a aposta e o esforzo económico do Concello por manter e reforzar unha liña de apoio directo ás familias, contribuíndo a sufragar os gastos que supón o inicio do curso escolar e a favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación.

As contías individuais das axudas varían segundo o nivel educativo: 165 euros para o alumnado de educación infantil; 150 euros para o de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica; 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior; 350 euros para o alumnado con necesidades de apoio educativo; e 400 euros para quen cursa estudos universitarios de grao ou máster.

Estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

Comparte éste artículo
No hay comentarios