As modificacións aprobadas no Pleno de outubro manteñen as bonificacións do 30 % e do 50 % na vivenda habitual e incorporan unha regulación específica para os casos de separación ou divorcio.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión con representantes de AGAFAN, a Asociación Galega de Familias Numerosas, na que escoitou as súas propostas e preocupacións e abordou distintas cuestións relacionadas coas necesidades deste colectivo. No encontro participou tamén o concelleiro de Política Social, Gustavo Díaz.
Durante a reunión, Candia informoulles da modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), promovida polo goberno local e aprobada no pleno municipal do pasado mes de outubro. A modificación mantén as bonificacións na vivenda habitual do 30 % para as familias numerosas de categoría xeral e do 50 % para as de categoría especial.
Como novidade, a ordenanza introduce unha regulación específica para os supostos de separación ou divorcio. Nestes casos, considerarase vivenda habitual de cada proxenitor aquela na que estea empadroado, sempre que os fillos e fillas que integran o título de familia numerosa estean empadroados na vivenda habitual de calquera dos dous.
Pola súa banda, AGAFAN trasladou ao Concello varias propostas para ampliar as medidas de apoio ás familias numerosas. Entre elas, solicitou elevar ata o 90 % as bonificacións do IBI, eliminar a esixencia de que todos os membros da familia estean empadroados na vivenda para acceder a estes beneficios e admitir o certificado dixital expedido pola Xunta como acreditación suficiente da condición de familia numerosa. A asociación tamén propuxo estudar bonificacións noutras taxas municipais, como a de recollida do lixo ou o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), así como nas prestacións doutros servizos municipais, e que a renda per cápita se teña en conta á hora de establecer bonificacións, axudas e taxas.