O PP aposta por favorecer o emprendemento e a remuda xeracional como piares básicos para “asentar poboación no rural”

Conde explicou algunhas medidas propostas por Feijóo: apoiar a incorporación de mozos, a remuda xeracional e o traspaso das explotacións gandeiras; declarar estratéxica a cadea agroalimentaria e “baixar impostos aos que viven, invisten e producen no rural”.

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Francisco Conde, defendeu “un rural con futuro” despois de visitar o Ecomuseo El País del Abeyeiro e a bodega Panchín, en Negueira de Muñiz, acompañado polos candidatos ao Senado José Manuel Barreiro e Lola Castro.

Conde puxo ao Ecomuseo El País del Abeyeiro como exemplo de “iniciativa emprendedora vinculada á produción sostible” que permitiu que un retornado se asentara no rural e, máis concretamente, no municipio menos poboado da provincia. A bodega Panchín, amparada polo selo de calidade IXP Terras do Navia, é outro exemplo de “proxecto de vida vinculado ao aproveitamento das oportunidades que ofrece o noso territorio”.

O popular recoñeceu a calidade diferenciada dos produtos da nosa provincia e defendeu que “o rural ten enormes posibilidades” e apostou por “políticas para favorecer o emprendemento no medio rural e tamén de reto demográfico para contribuír a fixar poboación no rural”. 

Os populares cren que “é necesario un cambio no Goberno” e apostaron por Alberto Núñez Feijóo, un candidato “rigoroso e con capacidade de xestión” que propón “medidas concretas” coas que facer que “o rural sexa atractivo e rendible”. Os candidatos explicaron, entre outras medidas do Partido Popular, o apoio á incorporación de mozos, á remuda xeracional e ao traspaso das explotacións gandeiras. O programa electoral do PP tamén recolle declarar estratéxica a cadea agroalimentaria e “baixar impostos aos que viven, invisten e producen no rural”.

Conde tamén sinalou que “o Goberno galego vén apoiando dende o 2009 a incorporación de preto de 2.100 mozos na provincia de Lugo cun investimento superior aos 65M€”. E lembrou que “a provincia de Lugo recibe, historicamente, preto do 50% de media das axudas a incorporación de mozos e plans de mellora de explotacións”.

INCUMPRIMENTOS DE SÁNCHEZ

Os candidatos ao Congreso e ao Senado tamén mantiveron na Fonsagrada unha reunión con alcaldes e portavoces dos municipios da zona. O nº1 ao Senado, José Manuel Barreiro, condenou os incumprimentos do Goberno de Sánchez coa provincia e, particularmente, coa Montaña: “o Goberno de Sánchez comprometérase a declarar de Interese Xeral do Estado para este 2026 a Gran Senda do Navia, pero non fixo nada”. Esta petición xa fora respaldada polo Congreso en abril do 2022, a iniciativados representantes do PP lucense

Este ambicioso proxecto interautonómico promovido pola sociedade civil, conta co apoio de alcaldes de distinta cor política. O Goberno de Sánchez non consideraba prioritario este proxecto; pero, trala presión dos populares, que lograron aprobar en maio do 2025 no Senado -coa abstención do PSOE- unha proposta para instar ao Goberno a crear a gran senda do Navia e integrala na rede estatal de Caminos Naturales, “tivo que rectificar e recoñecer o interese do territorio pola proposta”.

A creación dunha ruta peonil e cicloturista á beira do río Navia -dende o seu nacemento ata a súa desembocadura- pasando por 7 concellos lucenses e 9 asturianos e conectando os tres Camiños de Santiago (Francés, Primitivo e do Norte) que son Patrimonio Mundial “constitúe unha oportunidade para dinamizar e impulsar o desenvolvemento do territorio”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios