Puido evitarse o desafiuzamento de Mari Carmen?

 Xosé Edrosa

Nesta estación outonal a inmensa maioría da cidadanía do Reino de España estamos a sufrir o andacio do mal da obxección de conciencia por mor do desafiuzamento do seu fogar a unha anciá de 87 anos, discapacitada e inerme para poder defenderse da cobiza insaciábel dos usurpadores dos seus dereitos constitucionais e humanos, dereitos vulnerados por quen tén a obriga de defendelos e amparalos. Non é para menos tal estado emocional, contemplar aquela imaxe impúdica, afastando violentamente a aquela muller gravemente enferma en ambulancia camiño do hospital, no que finaría poucos días despois, pois non foi quen de resistir a presión, o abuso de poder e de dereito exercidos deliberadamente sobre a súa feble capacidade; unha imaxe que deu a volta ao mundo do acontecido na capital de España, o Madrid da “liberdade” do que tanto fachendea a súa presidenta. Sí, a liberdade para os lobos, a morte para as ovellas da que nos falou Joseph E. Stiglitz, premio nobel de economía.

A violencia tamén pode exercerse cunha mala praxe dende a Administración de Xustiza.

 A invocación á violencia non é unha metáfora nin un recurso dialéctico, senón a constatación dunha realidade avaliada polos feitos, pois a violencia tamén pode exercerse cunha mala praxe dende a Administración de Xustiza. Outra consideración a ter en conta é o regrado automatismo no que regularmente opera a devandita administración de xustiza, sen lugar nin espazo para a condición humana do xustizable, no que a frialdade, a indiferencia e alonxamento aos problemas humanos constitúen o seu modus operendi. E todo aquilo que se interpón no seu camiño pasa a ser materia coercitiva e de orde público. Por iso se criminaliza a todo aquel/a que non entra  no coeficiente operativo da norma escrita ou fáctica do sistema establecido.

 Nin este tráxico feito foi quen de verter unha pinga de humanidade e vergoña nas dereitas indómitas e polarizadoras deste país, abrindo toda unha campaña de deshumanización cara a vítima, verquendo toda unha concatenación de adxectivos vexatorios, velenosos, inmorais e perversos que só retratan e descalifican a quen os manifesta. Mais non remata aí a súa vesania, pois a criminalización do movemento cívico e pacífico de protesta por mor de tales feitos é outro dos seus recursos, onde o alcalde da capital ve perigosos coitelos longos e elementos pétreos que ameazan tomar Madrid. Faltoulle a invocación ás armas de destrucción masiva das que nos falaba o presidente Aznar sobre Iraq, unha falacia que enchía os seus delirios de grandeza a carón do amigo George W. Bush, aventura que lle costou a este país o atentado terrorista máis cruento. Convén non esquecelo.

 Vemos expertos tertulianos de nómina exhibindo o seu infindo saber e entender en todos os ámbitos da vida e da ciencia

Agora, como non podía ser doutro xeito, o debate está aberto, unha peza mediática de maior calado que cada quen administra segundo ao interese que sirve. Vemos expertos tertulianos de nómina exhibindo o seu infindo saber e entender en todos os ámbitos da vida e da ciencia. No que atinxe á escandalosa acción da xustiza, como non podía ser doutro xeito, escoitamos opinións de todo tipo: que foi un acto legal, aínda que inxusto e repugnante; que a xuíza non tivo máis remedio que aplicar a lei; que as lombeiradas  dispensadas pola policía  aos manifestantes foron para manter a  orde e garantir o incuestionable acto xudicial. Ou sexa, todo legal e correcto; e os que levaron os paus que se curen, e morra o conto

 Un servidor que non é tan experto, arríscase a facer algunhas observacións ao respecto de se os dereitos constitucionais e humanos que lle asistían a Maricarmen foron debidamente protexidos e respectados, e se existía base legal para evitar tal atropelo.

 Sempre se dixo que o dereito non é unha ciencia exacta, sendo en moitos casos susceptible de interpretación. Tamén existe un principio que nos informa “ Vis legibus anímica” (A violencia é inimiga das leis), pois una vez accionada precede ao dereito. Descoñezo se o dereito  foi sustituído pola violencia ou se concorreron os dous en connivencia, mais si sei que naquel acto a gran ausente foi a xustiza, sustituída pola forza que axudou a consumalo.

 Seguindo, pois, este iter,  a modo de resumo, cómpre invocar algúns principios constitucionais e da propia Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ao meu modo de ver, soslaiados no caso que nos ocupa, e tantos outros de similar teor.

 Partindo do preámbulo da Constitución Española (CE), e aínda que moitas veces non o pareza, o seu artigo 1º) define a nación española como un Estado social seguido de democrático e de Dereito, os tres piares nos que se asenta a arquitectura do Estado español, principios informadores que están presentes en todo o seu desenrolo normativo.

 Aos efectos de fundamentación e interpretación da Carta Magna, o seu artigo 10.1, establece “A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenrolo da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social”. No seu punto 2. di “ As normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades que a Constitución recoñece interpretaranse de conformidade coa Declaración Uiversal  dos Dereitos Humanos e os  tratados e acordos internacionais sobre as mesmas  materias ratificadas por España”. Xa temos aclarado algo.

 Sentados os principios precedentes e xa adentrados no Capítulo II dos dereitos fundamentais, ou sexa aqueles que vinculan a todos os poderes públicos, o seu artigo 15, expresa “ Todos teñen dereito á integridade física e moral, sen que en ningún caso, podan ser sometidos a torturas nin a penas ou tratos inhumanos e degradantes “. Cumpríronse tales mandatos no caso de Maricarmen? Respectouse a súa dignidade e os dereitos inherentes á mesma?  Non fai falla facer un grande esforzo de erudición para comprobar o incumprimento de tales dereitos no caso que nos ocupa, pois tanto a súa dignidade, a integridade física e moral, a tortura e os tratos degradantes e inhumanos á que se viu sometida a vítima, con efectos irreparables, foron claros e ostensibles. Unha estraña maneira de acreditar a orde política e a paz social esixidos pola Carta Magna, ademais  dunha inxustiza vergoñenta da que toda a cidadanía fomos testemuña. Un feito que non debemos ignorar se de verdade queremos evitar que repita no futuro.

 Xa sabemos que a sentenza de desafiuzamento de Maricarmen fundamentouse en parámetros legais amparados na correspondente normativa, mais tamén sabemos, obviamente, que non se tivo en conta a observancia dos principios constitucionais e do dereito internacional invocados, vinculantes e prevalentes, práctica que abonda  a cotío en numerosos actos administrativos e xudiciais. Non lle falta razón a un dos meus contertulios de café, cando para ilustrar a concurrencia dun dereito ignorado ou infrinxido, saco a relucir a nosa norma suprema; a súa resposta retranqueira non se fai agardar: “ Vaiche boa, papel mollado”. E non me queda máis remedio que acatar o veredicto.

 Seguindo a verea do devalo constitucional aos efectos de seguir sinalando os feitos dos seus incumprimentos máis significativos, permítame prezado lector/a voltar ao artigo 1º do título preliminar da repetida Carta Magna, e  que como xa se tén dito, comeza definindo a España como un Estado social, democrático e de Dereito. E dende este principio brincamos ao artigo 33.1.  (dereito fundamental) que nos fala do recoñecemento do dereito á propiedade privada e á herdanza; no seu punto 2. Xa nos di que a función social delimitará o seu contido, de acordo coas leis. En relación a tales principios, nos que a función social está sempre presente, o artigo 128.1. opera como reforzo dos mesmos, expresando “ Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal sexa a súa titularidade está subordinada ao interese xeral “. Este concepto xurídico define e determina os valores, obxetivos e función que a Constitución e as leis encomendan aos poderes públicos (tamén ao xudicial) na procura do benestar da cidadanía. O punto 2. deste precepto constitucional, recoñece igualmente a iniciativa pública  na actividade económica do país.

 Chegado a este punto e trasladándonos ao suposto concreto que nos ocupa, o artigo 50, entre os dereitos recoñecidos á terceira idade (caso de Maricarmen) figuran: a saúde, vivenda, cultura e ocio, correlativamente.

 O artigo 25.1. da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, declara “Toda persoa tén dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios”.

 De xeito deliberado deixei para o final do relatorio constitucional o seu artgo 47, precepto constitucional que convén recordar non está entre os dereitos fundamentais, unha das principais reividicacións, seguramente da meirande parte da sociedade, e da evidencia da necesidade da protección efectiva dun dos dereitos sociais básicos de maior calado. Un feito, aínda que algúns pretendan soslaiar, trae causa do suposto que vimos analizando e de moitos outros que se atopan en situación de precariedade, e non da dignidade que proclama a Carta Magna.

 A literalidade deste precepto constitucional é clara e evidente, outra cousa é o seu cumprimento: “ Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as norma pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación.

 A comunidade participará das plusvalías que xenere a acción urbanística dos entes públicos”.

 Elocuente declaración da que fago dúas breves consideracións relativas á regularización e utilización do solo e a participación da comunidade nas plusvalías.

 1ª A regulación do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación é a nai do año. Como vemos o interese xeral e especulación están presentes, dous factores imprescindibles e incompatibles coa utilización e uso que tradicionalmente se vén dando ao solo neste país, feito que incide e repercute negativamente no dereito á vivenda.

 2ª  As plusvalías que xenera a acción urbanística, representa un recurso clave que afecta á xeneración de solo público, mediante cesións obrigatorias, incluso urbanizado, ás administración locais, xenerando solo edificable para obras sociais e dotacionais, incluída a vivenda de promoción pública. Por elo,  cando se produce unha desafección de vivenda de promoción pública a favor de fondos buitre ou de calquera outra forma xurídica que desvirtúe o seu fin, estase furtando un patrimonio que pertence á comunidade, operación fraudulenta que afecta igualmente a todos os contribuíntes, habida conta das axudas públicas que perciben este tipo de promocións. Todo elo para entrar no salvaxe mercado especulativo. A Comunidade de Madrid, na etapa de alcaldesa da señora Botella, foi un exemplo salientábel desta práctica.

 Chegado  a este punto e xa centrándonos no desafiuzamento do caso de MARICARMEN no que se tén producido unha transgresión tanto de dereitos fundamentais e demais principios constitucionais, dos propios tratados suxeitos ao  Dereito Internacional, todo elo con valor xurídico prevalente e subsumible en dita causa, valor ignorado nesta e noutros procedementos de similar teor; feito no que tamén se deduce un abuso de dereito tipificado no artigo 7.2 do Código Civil, que dí: “ A lei non ampara o abuso de dereito ou o exercicio antisocial do mesmo “

 O abuso de dereito, unha idea, pois,  que xa estaba presente no dereito romano, no senso de que a atribución dun dereito non trae como secuela a liberdade omnímada do seu exercicio. E tal como explica o profesor Juan Iglesias “ Mas la actuación abusiva, el ejercicio indebido del mismo, puede entrañar una transgresión del orden jurídico “.

 Dito o que antecede, podemos considerar que nos atopamos, pois, ante un acto inconstitucional que afecta a todo un colectivo no que concorren tales circunstancias, e que se ve privado, alomenos,  dos dereitos citados ao longo deste artigo, polo que cómpre sinalar que nos atopamos ante unha omisión lexislativa, figura que como sinala a profesora de dereito constitucional Mª Luisa Balaguer Callejón “ Serán inconstitucionais aquelas omisións do lexislador que deixen fóra da cobertura da norma sen xustificación, a aquelas persoas ou grupos que cumprindo os requisitos esixidos, non se beneficien deste dereito, pola soa e arbitraria exclusión legal “. Cuestión á que engade o profesor J. Díaz Revorio “ Aquel silencio (ou aquela regulación lexislativa incompleta ou parcial) que produce consecuencias non queridas pola Constitución, e polo tanto pode considerarse que é obxecto dunha prohibición constitucional “.

 Seguindo a liña argumental da autora antes citada, resulta salientábel que o Estado social demanda dunha superación do seu marco inicial  teórico no que se desenvolve a xustiza constitucional, ao tempo que sinala que o TC  tén  tamén como función a do cumprimento dos fins sociais.

  Ante tal situación relativa ao caso que vimos  analizando e seguindo a liña doutrinal da precitada autora e do propio TC, a xuíza/xuíz ante un caso que non atopa lexislación aplicable que ampare e protexa os dereitos constitucionais, debe plantexarse dúas medidas, a primeira a analoxía, e se esta non permite a adecuada resolución, considerar que está ante unha omisión lexislativa, que pode ter ou non repercusión constitucional, en función do dereito lesionado e as súas consecuencias. En tal caso entende o TC que o xuíz pode directamente aplicar a Constitución, e así extender a norma a supostos inicialmente non previstos ou no seu caso plantexar a cuestión de inconstitucionalidade.

 A teor do que se deixa dito, salvo mellor criterio, claro que existía base legal para evitar o desafiuzamento de MARICARMEN nas condicións que se fixo. Canto dano aforraríamos!

                                                                EPÍLOGO

  A obxección de conciencia á que se fai referencia ao comezo deste artigo semella que se está a converter nun estado de ánimo dun importante sector da nosa mocidade; unha xeneración que non se resigna ficar no axioma de que é a mellor preparada, pero que vai ser máis pobre cá dos seus proxenitores; á que lle vai ser moi difícil, cando non imposible, poder emanciparse e construir o seu proxecto de vida, unha maneira frustrante de afrontar o seu futuro e sentirse realizada como persoa. Este é o paradigma que lle está a ofrecer o neoliberalismo polarizador e excluínte, que só cre no enriquecemento das minorías das que se retroalimenta. Un sistema opresor que baixo a éxeda da “ liberdade “, non entende nin lle interesa enterder nun modelo de crecemento integrador e sostible a escala humana, pois a especulación é a súa ánima.

 Dicirlles a todos aqueles que erguen a bandeira do odio e escupularios profanados, que só representan a noite máis lóbrega, fronte ao amencer dunha xuventude con conciencia  nobre, limpa e sen rancor, porque nobre e limpa é a súa causa.

Este movemento de protesta cívica e pacífica, que vai gañando cada vez máis adhesións e simpatías interxeneracionais, malia aos atrancos reaccionarios de grupos organizados e violentos ao servizo do statu quo, para que todo siga igual ou peor. Unha modalidade clásica e trasnoitada que nos lembra os momentos máis escuros da nosa historia. Mais cómpre dicirlles a todos aqueles que erguen a bandeira do odio e escupularios profanados, que só representan a noite máis lóbrega, fronte ao amencer dunha xuventude con conciencia  nobre, limpa e sen rancor, porque nobre e limpa é a súa causa. Unha xuventude que parafraseando ao profesor Dino Pacio Lindín cando se refería a aquela xuventude protestaría do seu tempo (1956/1968), definíndoa como radical na correcta acepción do termo “ O radicalismo en perspectiva non é ideolóxico, é antropolóxico. É un esforzo  total por salvar as RAÍCES, as formas elementais de existencia no momento de ameaza desintegradora por parte dun artificialismo bastardo (…). E este radicalismo representa unha esperanza sen espera fronte á vella civilización da espera sen esperanza”. Esta é a nosa xuventude acampada na Porta do Sol e noutros lugares do país; a que hoxe saíu á rúa protestar contra as inxustizas que lle está a tocar vivir no seu período de desenrolo vital, axudémoslle a realizar o seu soño, a construir o seu fogar e vivir con dignidade.

 Miles de mozos e mozas encheron hoxe as rúas de toda Galicia

Sei que non é tarefa doada, que hai que darlle a volta a moitas cousas, crear unha nova conciencia, unha nova escala de medir e valorar a vida cara un progreso sostible, seguro e respectuoso co noso planeta, a casa común; un progreso a escala humana, no que a destrucción e a guerra non formen parte do cálculo gañancial dos especuladores. Estas son algunhas das premisas que teño percibido na conducta de moitas mozas e mozos preocupados polo seu futuro.

 A moita xente nova o sistema non lle está a dar resposta ás súas necesidades básicas

Tamén percibo e escoito a moitos opinadores sistémicos que este tipo de cuestións e manifestacións son unha simple utopía, unha moda outonal na caída da folla. Lembro un debate recente nunha cadea de TV, na que se entrevistaba a unha moza da acampada de Sol, unha das tertulianas do canón, de cairo retorto, na procura de levar á moza ao seu reino, utilizando razoamentos sofisticados ao uso, con aire contido de superioridade, incluso maternal, tratando de convencela de que estaba no camiño trabucado, que había outras formas,  e tumba e revira. A contestación contundente da moza foi resolutoria, poñendo exemplos razoables e veraces, aos que a suposta experta non foi quen  de dar resposta, despachando á moza con un disimulado xesto de arrogancia, coma quen di, tés razón, sigue por aí. Mais aquela moza deixounos unha mensaxe clara para quen queira entender: que a moita xente nova o sistema non lle está a dar resposta ás súas necesidades básicas, e moito menos aos seus anceios, que o sistema falla. Naquel intre do debate, este observador cavilou, sí, esta xeneración está realmente preparada, axudémoslle a voar para que poda facer o seu propio niño.  

Comparte éste artículo
No hay comentarios