Non existe a perfección e todas as grandes xestas van acompañados de imprevistos non desexados. O Lugo, cunha traxectoria case perfecta, invicto no Ángel Carro, non deu superado a proba do Mirandés. Un dos exames máis importantes marcados para antes do Nadal non foi superado polos pupilos de Borja Fernández, que como mal menor, conservan o liderado. A lei do ex funcionou e primeiro Jorge, despois Unzueta, de penalti, puxeron distancia antes do descanso. Aday Benítez acertou no descanso coa substitución realizada e Raúl Martínez fixo axiña o 0-3. Álex Costa reduciu cun penalti que provocou a expulsión de Markel Lozano, pero o Lugo non foi quen de apertar máis o resultado.
Jorge e Unzueta: a lei do ex
O Lugo tivo que recuar coa saída do Mirandés. O dominio visitante deulle premio moi cedo. Dorrío interceptou un pase de Chiqui, pasou a Jorge quen, desde a frontal, xutou á rede o 0-1. O gol mudou o partido. O Lugo pasou a ter máis posesión fronte un rival que concedeu metros mantendo unha perfecta orde. Os locais só atoparon fendas pola esquerda do ataque. Chiqui, cunha rosca desde o bico da área que desviou Chus Ruiz, e cun servizo a Gallar, que o exterior dereito estragou xutando alto, puido empatar. Tamén Unzueta puido facer o segundo dos casteláns nunha contra xutada na carreira. Marc Martínez desviou o lanzamento.
Na seguinte acción importante, no minuto 38, unha involuntaria pisada na área de Pol Moreno a Peru acabou en penalti. Unzueta enganou a Marc Martínez e foi aclarando o resultado. A principal contrariedade dos visitantes foi a lesión de Jorge, que debeu abandonar o xogo antes do descanso entre os asubíos do público.
O primeiro tempo rematou cun remate de Gallar que salvou Chus Ruiz.
Un penalti e unha expulsión dan máis dominio a un Lugo nada efectivo
No descanso, Morchiladze entrou por Ulloa para darlle más verticalidade aos ataques, pero o Lugo atopouse co terceiro tanto, obra de Raúl Martínez, que tamén entrara no descanso. O Mirandés tiña unha alta porcentaxe de acerto e o Lugo de erros, porque pouco antes puidera anotar Álex Costa ao esvarar polo chan para alcanzar coa biqueira un centro de Dauda. A pelota rozara o pau.
Todo parecía perdido para o Lugo, que cobrou novos folgos no minuto 67. Álex Costa fixo a ruptura polo centro, pero Markel Lozano o tirou ao chan. O ex do Celta B viu o segundo amarelo, deixou aos de Miranda con dez, e o propio Álex Costa anotou desde os once metros cun tiro que case chapa Chus Ruiz.
O Lugo aumentou a presión con centros laterais aproveitando que Godoy estaba no campo desde o 0-3. O ex canteirán do Barcelona rematou fóra un centro ao que chegou fronte a portería con Chus Ruiz vendido.
O Lugo tivo a pelota, pero non manexou o tempo do xogo por precipitación e ansiedade ao querer empatar antes que marcar o segundo. Berzal puido reducir en dous remates seguidos fronte a Chus Ruiz. No primeiro, o meta mandou a córner e, tras o lanzamento do mesmo, o madrileño rematou a rentes do pau.
O Mirandés, pola súa banda, tamén puido ampliar por medio de Espinosa, que chutou perto da escuadra desde a frontal e, no derradeiro ataque, Riki, logo de alcanzar a última liña, encarou a Marc Martínez moi escorado, abriu demasiado o ángulo de disparo e a xogada non se traduciu en gol.,
O Lugo sufre a primeira derrota na casa na temporada, pero mantén a primeira posición.
Ficha
DOMINGO 15/11/2026 (16,30) Campo: ÁNGEL CARRO (3.125)
C.D. LUGO : 1 – C.D. MIRANDÉS : 3 (0‑2)
LUG : Marc Martínez; Lucero, Kike, Pol Moreno (Berzal 79’), Simón; Ulloa (Morchiladze D), Dauda [(Kevin 56’) (Perera 81’)], Parrilla; Gallar (Godoy 56’), Álex Costa, Chiqui. Tre. Borja Fernández. (Banco: Candal (g); Paulo (g); Achore; Gárriz; Pere Haro; Hugo Pascual; Mateo).
MIR : Chus Ruiz; Peru, Arambarri, Arrillaga; Martín (Pedernales 77’), Verde (Raúl Martínez D), Markel Lozano, Dorrío (Espinosa 77’); Jorge (Rodri Val 41’), Unzueta, Auria (Riki 89’). Tre. Aday Benítez. (Banco: Edgar Badía (g); Maiga; Zorrozua).
Goles: 0-1 Jorge 6’; 0-2 Unzueta 32’(p); 0-3 Raúl Martínez 56’; 1-3 Álex Costa 68’(p).
Árbitro: Tárraga Lájara (Valencia). Auxiliares: López Cubel e Sánchez Lázaro. 4º árb.: Martínez Ortiz.
Disciplina: CA: Verde 9’; Simón 21’; Arambarri 58’; Unzueta 60’; Kevin 63’; Martín 73’; Chiqui 90’ / Héctor Otero (prep. fís. LU) 45’ // DA: Markel Lozano 7’ e 67’.
Foto: Jorge volea ás mallas desde o balcón da área. © 21noticias.com