Néstor Rego apela a aumentar a confianza no BNG para defender os nosos dereitos lingüísticos

O deputado do BNG advirte dos “recortes de Feixoó no uso do galego. Dixo que o primeiro que fará será prohibir o galego no Congreso” O cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, mantivo esta mañá un encontro na sede nacional do BNG con entidades e colectivos de defensa da lingua galega para abordar a saúde do galego no ámbito da Administración do Estado e poñer en común o traballo feito polo BNG nesta lexislatura pasada.

Néstor  Rego deixou claro que o propósito do BNG é que se adopten medidas “para facer avanzar o noso idioma e a normalización lingüística no ámbito da Administración Xeral do Estado”, e para iso, puntualizou, “trasladamos as iniciativas que ten levado o BNG no Acordo de Investidura para avanzar na presenza da nosa lingua na radio e televisión públicas e na Administración no seu conxunto”.

Salientou asemade o conxunto de emendas do BNG aprobadas na Lei de Clientela que obrigan na actualidade ás operadoras a atender á clientela na Galiza na nosa lingua se así o requirimos”.

“Unha lingua viva en todas partes, sen prohibicións”

O deputado do BNG afirmou que fica camiño por facer, “hai que seguir avanzando para que calquera poda dirixirse á Administración do Estado ou á Xustiza en lingua galega sen trabas e sen problemas. Con toda a normalidade”. Tamén destacou o traballo de reclamación de respecto pola nosa toponimia oficial, a necesidade de que todos os portais de Ministerios e resto da Administración conten coa versión en galego “e haxa un apoio real á producións culturais galegas, o cinema, a literatura, a música  e teñan un encaixe e unha presenza normal nos medios públicos do estado”.

Non esqueceu a proxección internacional do galego, demandando a súa difusión e presenza nos eventos internacionais que organiza o Instituto Cervantes, así como o mantemento das aulas en  galego no exterior, lembrando a reclamación que fixo o BNG en relación as aulas en galego en Londres, e pediu unha maior presenza da literatura e importante produción de libros nas feiras internacionais.

Néstor  Rego apelou a dar máis confianza ao BNG porque “só nós defendemos o galegos no Congreso” e advertiu das ameazas prohibitivas de Feixoó que xa ven “de anunciar como primeira medida a derrogación do uso da lingua galega no Congreso”. “Somos a garantía da defensa dos nosos dereitos lingüísticos”, aseverou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios