O investigador Beatriz Galindo, Alberto García Fernández, participa xunto con outros tres científicos nun documento que propón anticipar a planificación enerxética, reforzar a coordinación entre administracións e dotalas de ferramentas para actuar.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña participa, a través do investigador Beatriz Galindo Alberto García Fernández, na elaboración do primeiro informe do Programa de RAICEX de Asesoramento Científico que leva como nome “Electrificación en España: coordinación multinivel y acción local anticipada”. Este documento analiza os principais retos da electrificación no país, con especial atención ao papel das administracións rexionais e locais.
García Fernández comparte a autoría con Álvaro Martínez Pechero, da Universidade de Oxford; Ramón Daniel Regueiro Espiño, de Sorbonne Université e o CNRS; e Guillermo Borragán, de VITO/EnergyVille. O traballo está impulsado pola Rede de Asociacións de Investigadores e Científicos Españois no Exterior (RAICEX) á que pertencen, que busca conectar a experiencia internacional da comunidade científica coa toma de decisións públicas en España.
Da investigación fotovoltaica ao asesoramento científico
A participación do investigador do CICA xurdiu durante a súa etapa posdoutoral en Suecia, a través da Asociación de Científicos Españois en Suecia (ACES). A súa contribución centrouse especialmente na electrificación e na enerxía solar fotovoltaica, ámbito no que desenvolveu a súa tese e a súa investigación posterior.
“Todos participamos no desenvolvemento dos distintos apartados, pero repartimos o traballo partindo da especialidade de cada un”, explica García Fernández. Tras esa primeira redacción, os autores revisaron as contribucións dos seus compañeiros e incorporaron as observacións de persoal científico externo. O equipo tamén recolleu opinións de representantes municipais para facer o documento máis accesible para os seus destinatarios.
A achega do investigador do CICA conecta coa investigación que desenvolve actualmente no centro, centrada en novos materiais híbridos para mellorar a eficiencia e a estabilidade dos paneis solares. Mentres o seu traballo no laboratorio explora tecnoloxías fotovoltaicas emerxentes, o informe aborda a incorporación de solucións xa dispoñibles no mercado e os cambios necesarios para facilitar as súas aplicacións.
Galicia e o aproveitamento do seu potencial renovable
Aínda que o informe non analiza especificamente a situación de Galicia, os retos analizados para o ámbito municipal permiten identificar oportunidades no territorio galego.
Os recursos eólicos e hidráulicos de Galicia, xunto coa súa capacidade industrial e tecnolóxica, ofrecen unha base para liderar a transición enerxética. O desafío pasa por aproveitar ese potencial mediante a electrificación dos procesos industriais, da mobilidade e dos fogares, acompañada dunha planificación que teña en conta as características do medio, en canto a dispersión de poboación e as necesidades do medio rural.
Entre as posibles liñas de actuación destacan o reforzo das redes eléctricas para facilitar novos investimentos, o impulso do almacenamento enerxético, a modernización dos procesos industriais e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas.
O obxectivo sería avanzar cara un modelo enerxético que contribúa a reducir as emisións e a dependencia dos combustibles fósiles, ao tempo que mellora a competitividade industrial e achega beneficios ao conxunto da poboación.
Da transferencia de coñecemento á práctica
Unha das mensaxes centrais do informe é a necesidade de actuar con anticipación e mellorar a coordinación entre os distintos niveis da Administración. Para trasladar as recomendacións á práctica, resulta tamén relevante a colaboración con empresas, universidades e centros tecnolóxicos, así como dotar aos concellos de información e ferramentas para planificar.
RAICEX está a promover a difusión do documento e o diálogo con institucións e responsables públicos, tanto europeos como nacionais, para favorecer que as súas conclusións se teñan en conta na toma de decisións.
O informe será presentado de maneira oficial durante as xornadas “Somos RAICEX LAB” os días 17 y 18 de decembro en Madrid.
A participación do investigador do CICA neste traballo exemplifica unha vía de transferencia do coñecemento científico ás políticas públicas, conectando a investigación en enerxía coa planificación de cambios que afectan á industria e á vida cotiá da cidadanía.

