As máquinas xa traballan no Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido-David Cal, situado no encoro do Pontillón do Castro. Esta semana arrincou a reforma integral que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes adxudicou en setembro de 2025 á empresa Ogmios por un importe de 697.293,17 euros (IVE incluído) e que conta cun prazo de execución de cinco meses.
A actuación céntrase en dúas áreas principais da instalación deportiva:
- Renovación dos pantaláns: substitúese a tarima de madeira, deteriorada polo paso dos anos e a humidade, e instálanse novas pasarelas de acceso á auga.
- Rehabilitación do edificio de oficinas e vestiarios: trátase do inmoble máis afectado polo paso do tempo, onde se cambiará a fachada actual por unha nova envolvente térmica para acabar coas filtracións e as humidades interiores. O proxecto inclúe tamén a colocación dun novo peche perimetral na zona da bancada.
Unha reforma desbloqueada tras superar os trámites urbanísticos
A mellora das instalacións levaba máis dun ano adxudicada, pero o inicio dos traballos permaneceu paralizado á espera de regularizar a situación legal do recinto. O complexo inaugurouse en 2007 con motivo do Campionato de Europa de augas tranquilas e agardaba desde 2010 pola licenza de primeira ocupación.
En xullo de 2026, a Xunta de Galicia completou a documentación requirida polo Concello de Pontevedra. Unha vez legalizado o complexo, a Xunta de Goberno Local concedeu o pasado 5 de novembro a licenza urbanística necesaria para executar as obras.
A maiores, o recinto conectarase por primeira vez á rede municipal de saneamento, aproveitando a canalización que a empresa concesionaria do servizo de augas está a acometer na parroquia de Verducido.
Satisfacción na Federación Galega de Piragüismo
O presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP), José Alfredo Bea, valorou positivamente o comezo dos traballos: «Foi un camiño longo, con moitos atrancos administrativos, pero hoxe as máquinas xa están en Verducido. Os clubs e os deportistas que adestran aquí cada día levaban tempo agardando por estas melloras nos pantaláns e no edificio. Agora toca que a obra avance no prazo previsto e coa menor afección posible á actividade».
O encoro de Verducido é a sede oficial da FGP e constitúe unha infraestrutura estratéxica para o piragüismo galego e estatal. Nas súas instalacións adestran a diario clubs locais e deportistas de alto nivel, ademais de funcionar como unha das sedes satélite do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).