Acordaron avanzar na contratación de obras por preto de 400.000 euros para a mellora de máis de 15 quilómetros de estradas provinciais nos concellos de Baralla, Taboada e Quiroga que conectan núcleos de poboación e enlazan con vías de maior capacidade.
A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación da explotación de tres instalacións de titularidade provincial: o Mazo de Santa Comba, en Lugo; o Naútico de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e o inmoble e os terreos de Maiorga, en Pantón. Con estes acordos, a institución provincial dá continuidade á actividade turística e de lecer destes espazos mediante novos títulos de concesión e arrendamento.
Enrique Reigosa Gómez seguirá á fronte da explotación do establecemento do Mazo de Santa Comba. As instalacións lucenses albergan un restaurante integrado nun conxunto etnográfico á beira do río Chamoso, no que se conservan elementos do antigo aproveitamento hidráulico, como un mazo de ferro, varios muíños, unha serra e unha moa de afiar. O establecemento conta con dous comedores e terraza.
Neste caso o contrato fixa un canon mensual de 550 euros e incorpora un compromiso de investimento de 25.000 euros por parte do adxudicatario.
O Náutico Ponte do Sil continuará tamén a cargo de Maremta 2022 SL, cun canon de 553 euros mensuais e un investimento comprometido de 5.880 euros. A adxudicación permitirá manter a actividade deste equipamento vinculado á oferta de lecer e turismo fluvial da Ribeira Sacra.
Estas instalacións de hostalaría están situadas xunto ao embarcadoiro provincial desde o que parten as rutas en catamarán polo Canón do Sil. O complexo conta tamén con aparcadoiro, aseos, espazos de atención aos viaxeiros e acceso aos pantaláns.
Por último, a Deputación adxudicou a Nemesio Cora Fraga o arrendamento de Maiorga, as instalacións e os terreos, por un importe de 230 euros ao mes. Este acordo prodúcese tras finalizar a cesión do uso destas propiedades ao Concello de Pantón, que se prolongara durante 25 anos.
Estas instalacións provinciais forman un pequeno club fluvial situado á beira do río Miño, que conta cun edificio destinado a restaurante e servizo de bar, vencellado á área recreativa e ao pantalán próximo. É un espazo de combina a oferta hostaleira co aproveitamento turístico e de lecer na contorna fluvial.
O pasado mes de setembro, a Deputación aprobou por unanimidade a cesión ao Concello dunha parcela de 21.000 metros cadrados situada na contorna do pantalán municipal de Maiorga. A cesión ten como obxectivo facilitar o acceso a esta infraestrutura fluvial e posibilitar a súa mellora a través do proxecto que está a tramitar o Concello coa colaboración da Confederación Hidrográfica.
Actuacións para mellorar a rede provincial en Baralla, Taboada e Quiroga
A xunta de goberno aprobou novas actuacións na rede viaria provincial, formada por máis de 4.100 quilómetros de estradas que conectan núcleos de poboación e enlazan con vías de maior capacidade, facilitando os desprazamentos da veciñanza e a comunicación entre concellos. Nesta ocasión, os acordos afectan aos municipios de Baralla, Taboada e Quiroga.
En Baralla, a Deputación aprobou a licitación das obras de rehabilitación do firme da LU-P-0506, entre Longoira, Sixirei e O Pando, nun treito de 4,1 quilómetros, cun orzamento de 239.052,39 euros e un prazo de execución de catro meses. A actuación inclúe a reapertura e limpeza de cunetas e elementos de drenaxe, a renovación do pavimento cunha nova capa de mestura bituminosa en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical.
O proxecto contempla tamén unha intervención puntual na LU-P-0503, no punto quilométrico 0,125, coa construción dun paso elevado de peóns xunto ao CPI Luis Díaz Moreno para favorecer o calmado do tráfico e reforzar a seguridade.
En Taboada, a Deputación adxudicou a Francisco Gómez y Cía SL a rehabilitación do firme da LU-P-1809, a estrada que comunica Chantada con Antas de Ulla a través de Taboada. Os traballos afectan a un treito de case tres quilómetros, entre os puntos quilométricos 12,3 e 15,3, e inclúen melloras adicionais na pavimentación e sinalización, así como a ampliación do prazo de garantía en tres anos.
En Quiroga, a institución provincial adxudicou a Excavaciones Goni SL as obras de rehabilitación do firme das estradas LU-P-5001, entre Ponte Barreiro e Vilarbacú; e LU-P-5004, entre Cruz de Outeiro e Ferramulín, ata o límite coa provincia de Ourense. A actuación abrangue un total de oito quilómetros e supón un investimento de 158.374,61 euros. O prazo de execución previsto é de catro meses.