A alcaldesa, Inés Rey, supervisou o remate das obras e destacou a nova configuración dos espazos para lles ofrecer máis protagonismo ás persoas viandantes e facilitar o lecer creando puntos de encontro e de paseo.
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe a fase final das obras que están a levarse a cabo en Entrexardíns, un proxecto que une xa as dúas partes de Méndez Núñez para crear un espazo con continuidade que lles permitirá aos peóns e ás peoas pasear e facer un uso máis completo da contorna, con máis de 1.000 m2 de espazo gañado para viandantes. A alcaldesa estivo acompañada polo primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas, e o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
Tal e como explicou a alcaldesa, esta actuación practicamente rematada en Entrexardíns é «unha parte esencial da obra dos Cantóns, e supón a nova porta de entrada ao porto. Un bulevar peonil que conecta directamente o corazón da cidade cos peiraos e que ademais, por primeira vez, permite que os nosos Xardíns de Méndez Núñez formen unha unidade, porque deixan de estar divididos por unha estrada».
Así, o Concello avanza no obxectivo de lles dar unha unidade estética e funcional aos xardíns, creando un paseo máis amplo e cómodo para a cidadanía, que agora poderá gozar deste gran pulmón no seu conxunto e sen as molestias do paso de tráfico rodado.
Transformar Entrexardíns en paseo completa o sentido da peonalización do treito final de Santa Catalina e a nova posición do paso de peóns que cruza a calzada dos Cantóns. Ademais, amplíanse os parterres e dáselle unha nova configuración á contorna do monumento a Daniel Carballo, co que se lle dá protagonismo a este elemento patrimonial e se lle outorga un novo lugar central no novo paso entre as dúas metades dos xardíns.
Así mesmo, están a ampliarse as zonas verdes nos parterres e créase unha continuidade espacial. Para manter unha coherencia estética, todas as actuacións se fixeron seguindo os patróns e xeometrías xa presentes historicamente nos xardíns, co que se consegue unha conversión máis natural. «A idea é que dentro de moi pouco as persoas viandantes teñan a sensación de que Entrexardíns sempre foi así, grazas a unha perspectiva nesta reforma respectuosa coa historia da área», explicou Inés Rey.
Dispoñeranse en total tres enclaves de estancia que facilitan a xuntanza e o uso da contorna para o lecer. Estes enclaves son puntos de unión na articulación dos paseos que aquí desembocan, e tamén permiten crear pequenos ámbitos máis recollidos e íntimos que non interfiren co carácter diáfano de Entrexardíns.
Todo isto está a rematarse en paralelo ás melloras no mobiliario urbano e nos sendeiros dos xardíns, coa reparación de 7.380 m2 de firme e a colocación de 127 novos bancos. Tamén como parte do plan de posta en valor dos elementos culturais ou patrimoniais, iluminaranse de xeito especial o reloxo floral e os monumentos a Concepción Arenal e Pardo Bazán. Resaltaranse así algúns dos elementos máis icónicos do recinto.
Todas estas melloras e cambios substanciais complementan así mesmo o gran proxecto de humanización dos Cantóns, onde xa é visible un concepto de cidade que pon primeiro a xente, favorece a mobilidade sostible, a seguridade viaria, a accesibilidade e os espazos verdes. Só nos Cantóns, por certo, son máis de 1.200 m2 ocupados por elementos vexetais, o triplo do que había ata o de agora.