Entre outras intervencións, abordarase o acondicionamento da calzada, a ampliación de beirarrúas para itinerarios peonís accesibles, a substitución da rede de iluminación e a creación de zonas verdes.
A Xunta asina co Concello da Laracha o convenio de acceso ao Fondo de Cooperación da Xunta para a rehabilitación de patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe co alcalde, José Manuel López Varela, este acordo que supón a concesión dun préstamo sen xuros por 527.282€ para colaborar no financiamento das obras de humanización e infraestruturas na rúa José Añón Canedo, cuxo investimento total ascende a preto de 950.000€ (936.378€).
A través deste Fondo de Cooperación, a Xunta colabora cos concellos no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. Con cargo a este financiamento, os municipios poden acometer obras de conservación de inmobles da súa titularidade, adquirir outros novos para recuperalos ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento municipal.
En concreto, o Concello da Laracha abordará a actuación de humanización de desenvolvemento de infraestruturas na citada rúa, integrada na contorna do CEIP Otero Pedrayo, para mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a mobilidade peonil.
O proxecto inclúe, entre outras, a renovación integral da rede de abastecemento de auga, da rede de colectores de augas residuais e rede de pluviais, así como o acondicionamento da calzada, a ampliación de beirarrúas para itinerarios peonís accesibles, a substitución da rede de iluminación e a creación de zonas verdes e instalación de novo mobiliario urbano.
A través do acordo asinado hoxe, o Concello accede a este préstamo sen xuros por 527.282€, que devolverá en 8 anos.