O PP vota en contra dos orzamentos de PSOE e BNG “por sectarios e opacos, so respoden ás necesidades de titulares e propaganda do bigoberno e de Tomé”

Ameijide, sobre o Plan Deputación: “Mentres os orzamentos aumentan un 16%, o Plan Deputación un 12%, polo que na realidade hai menos recursos para o Plan e así lle restan peso e importancia, e seguen sen apostar polo mantemento de estradas, o fomento de polígonos industriais e captación de investimentos na provincia, o impulso ao turismo… sen apostar por ser un motor  para os 67 concellos”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular votaron hoxe en contra do proxecto de orzamentos defendido por PSOE e BNG “por tratarse dunhas contas opacas e sectarias” que “non solucionan ningún dos problemas dos lucenses e son se basean en titulares e propaganda para a presidenta provincial”.

Durante o debate do proxecto, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denunciou que “a maior parte dos veciños da provincia quedan á marxe destes orzamentos, xa que non se solucionan os problemas existentes na provincia”.

Antonio Ameijide denunciou que estes orzamentos son “unha falta de respecto aos lucenses”, xa que, lembrou, o Partido Popular goberna en 36 dos 67 concellos da provincia e representa á parte maioritaria da cidadanía lucense “pero un ano máis non se quixo escoitar ás propostas do PP”.

“Unha vez máis, Carmela López decidiu gobernar de costas a unha parte moi importante da provincia, negándose a sentar a dialogar co grupo maioritario da corporación e ignorando as propostas que podemos achegar para mellorar estas contas. Seguíu o manual do seu predecesor no cargo”, afirmou.

O popular sinalou que “a presidenta da Deputación non pode falar de consenso, igualdade de oportunidades ou cooperación municipal mentres se exclúe deliberadamente a quen representa a maioría dos concellos da provincia”.

CONVENIO CON BURELA PARA INAUGURAR OS ORZAMENTOS
Antonio Ameijide recordou a Carmela López que se asignou para si mesma o primeiro convenio de 2027, con cargo aos novos orzamentos; 273.600,73€ nun convenio financiado integramente con fondos provinciais e no que a presidenta da Deputación participa desde ambas as partes, como presidenta da Deputación e como alcaldesa de Burela.

“É imposible falar de igualdade de oportunidades para todos os concellose todos os veciños cando a primeira decisión de cara aos orzamentos do próximo ano é aprobar un convenio de case 273.600,73€ para o municipio que ela mesma goberna. Carmela López predica unha cousa e practica a contraria”, afirma.

SOBEN OS ORZAMENTOS A COSTA DOS IMPOSTOS QUE PAGAN OS LUCENSES
Outra das cuestións que puxo de relieve Antonio Ameijide foi que o incremento dos orzamentos “débese a que a institución provincial dispón de máis fondos porque os lucenses soportamos unha maior carga fiscal do Estado”. “Se os lucenses pagamos máis, o lóxico é que ese esforzo reverta nos propios lucenses, e a maneira máis xusta, transparente e igualitaria de facelo é reforzando o Plan Deputación, que permite que os recursos cheguen a todos os municipios”, subliñou.

Neste sentido, o voceiro provincial popular considerou que o goberno provincial debería aproveitar o incremento orzamentario para aumentar de maneira significativa a dotación económica do Plan Deputación, garantindo que todos os concellos dispoñan de máis recursos para atender as necesidades dos seus veciños, independentemente da súa cor política.

Ameijide recorda que “mentres os orzamentos aumentan un 16%, o Plan Deputación un 12%, polo que na realidade hai menos recursos para o Plan e así lle restan peso e importancia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios