O PP acusa a Tomé de “tentar prohibir a democracia ao crerse o caudillo de Monforte” impedindo as mesas informativas da campaña de Feijóo

Katy Varela: “Tomé pretende ter todo baixo control. Segue o modelo de Pedro Sánchez, no que asistimos a unha corrupción do propio sistema democrático: parece que non lle chega con controlar as institucións, que tampouco quere que os partidos poidamos pedir o voto libremente na rúa”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, denuncian “a prohibición” do alcalde de Monforte, José Tomé, de impedir ao Partido Popular “desenvolver con normalidade” a súa actividade informativa na rúa durante a presente campaña do 29N.

Ambos voceiros denuncian que o Concello de Monforte denegou a autorización solicitada polo Partido Popular para instalar unha mesa informativa na rúa Cardenal o vindeiro venres 27 de novembro, entre as 11:00 e as 14:00 horas, co obxectivo de explicar á cidadanía o proxecto político de Alberto Núñez Feijóo e solicitar o apoio dos veciños nas urnas, “algo que José Tomé prohibiu sen razón algunha”.

A resolución do Concello de Monforte, asinada onte, 24 de novembro, non só denega esta solicitude, “senón que tamén deixa sen efecto unha autorización xa outorgada previamente polo propio concello para instalar outra mesa informativa o día 25 de novembro, é dicir, hoxe mesmo”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide considera que “José Tomé xa pasou todos os límites imaxinables”. “Non lle é suficiente con crer que tiña dereito de pernada en pleno 2026, senón que agora tamén se cre o caudillo de Monforte, con capacidade para decidir que partidos políticos poden pedir o voto na rúa e cales non”, denunciou.

Ameijide considera especialmente grave que “un alcalde que continúa ao servizo do PSOE e de Pedro Sánchez, participando activamente na campaña socialista, pretenda agora impedir que os demais partidos poidan trasladar as súas propostas á cidadanía”.

O voceiro provincial popular lembra que “estamos ante un presunto acosador sexual que segue contando co amparo político do PSOE e que, lonxe de dar un paso atrás, segue exercendo como alcalde e utilizando o Concello como se fose da súa propiedade para negar dereitos constitucionais”.

Ameijide advirte de que “non se pode permitir que quen goberna unha institución pública a utilice como unha ferramenta ao servizo dos seus intereses partidistas. A rúa é de todos os monfortinos, non de José Tomé, e ningún alcalde pode arrogarse a potestade de decidir quen ten dereito a facer campaña e quen non”.

Pola súa banda, a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, denuncia que “Tomé pretende ter absolutamente todo baixo control. Segue o modelo de Pedro Sánchez, no que asistimos a unha corrupción do propio sistema democrático: parece que non lle chega con controlar as institucións, que agora tampouco quere que os partidos poidan pedir o voto libremente na rúa”.

Varela considera que esta decisión “é unha mostra máis da súa maneira de entender a alcaldía: exercer o poder contra quen sexa con tal de impoñer a súa lei”.

“Quere que Monforte sexa o seu feudo particular, como na época medieval, e converterse no señor feudal ante o que todos teñamos que render pleitesía”, denunciou.

A voceira municipal tamén alerta de que “o que hoxe fai co Partido Popular durante esta campaña pode ser un anticipo do que pretenda facer na campaña das eleccións municipais”. “Non imos aceptar que se apropie dos espazos públicos nin que utilice a Alcaldía para poñer obstáculos á actividade ao Partido Popular”, criticou.

Desde o Partido Popular insisten en que seguirán defendendo o seu dereito a informar, explicar o seu proxecto político e pedir o voto directamente aos cidadáns, sen aceptar vetos nin imposicións por parte de quen confunde gobernar Monforte con ser o seu propietario, polo que “para corrixir esta situación inxustificable”, o Partido Popular xa rexistrou onte unha reclamación ante a Xunta Electoral, solicitando que se corrixa esta actuación e se garanta o exercicio dos dereitos políticos da formación popular durante a campaña electoral.

Comparte éste artículo
No hay comentarios