O Partido Popular de Lugo destaca que as obras que está a realizar Adif, en Oural, acumulan un retraso de tres anos e “non son nin alta velocidade e nin van a permitir a velocidade alta”. Así o poñen de relevo, afeando ao delegado do Goberno en Galicia a ousadía de afirmar que os traballos marchan a bo ritmo. Tal é así que, os deputados e senadores electos o pasado 23 de xullo -Francisco Conde, Jaime de Olano, Cristina Abades, José Manuel Barreiro, María José Gómez e Juan Serrano, respectivamente,- manifestan que “son obras con retrasos e con recortes”, pois, ademais de seren prometidas en 2020, a velocidade dos trens Ourense-Lugo coas obras que está a facer o Ministerio é de 160 km/h, moi por debaixo das velocidades que alcanza un AVE (300 km/h), e tamén por debaixo das velocidades máximas do Eixo Atlántico (200 km/h).
Neste senso, os populares piden, unha vez máis, a inclusión de Lugo na Alta Velocidade para superar a discriminación da provincia nas comunicacións por tren por parte do Goberno de Sánchez, xa que, din, “a herdanza que deixa o Goberno socialista e de Podemos durante estes cinco anos en materia de infraestruturas é unha herdanza que Lugo non merece. Así llelo dixeron os lucenses o 23X. Basta xa de enganos e de castigar á nosa provincia”, remarcan.
Por iso, alertan de que, “só se Alberto Núñez Feijóo é o próximo presidente do Goberno a nosa provincia deixará de ser a ovella negra no que ás infraestruturas se refire. Do contrario, din, o illamento e o castigo aínda será maior”.
SEN VARIANTES, NIN ALTA VELOCIDADE NIN VELOCIDADE ALTA
Os populares indican así que o Goberno de Sánchez non fixo máis que illar Lugo en materia de infraestruturas prexudicando a calidade de vida da cidadanía e lastrando o desenvolvemento e a competitividade do tecido empresarial. A este respecto, lembran que foi o actual Goberno en funcións o que decidiu de xeito unilateral “impedir” que a provincia de Lugo poida estar conectada co resto de España por Alta Velocidade, ao suprimir as variantes de Rubián e Cadabal-Os Peares.
CRONOLOXÍA DA ALTA VELOCIDADE EN LUGO
Deste xeito, poñen de relevo a necesidade de apostar polas infraestruturas, tal e como recollía o seu programa electoral e como deixara encamiñando o Goberno do PP, co fin de vertebrar o territorio e ses competitivos económica e socialmente.
Concretamente, en maio de 2018, o ministro popular Íñigo de la Serna presentara un proxecto que conectaría Lugo coa alta velocidade rebaixando o tempo da viaxe a Madrid, polo que Sánchez e os seus socios só tiñan que levar adiante o proxecto que xa tiña listo para o seu desenvolvemento o Goberno do PP. As actuacións previstas para este plan contaban cun investimento de 283 M€ e definía varias alternativas para implementar a alta velocidade na provincia de Lugo.
Por contra, o Goberno non tivo reparo en amosar as súas intencións con Lugo desde o primeiro minuto. En 2019 a proposta de PGE do Goberno reducía nun 65% o orzamento contemplado por Rajoy para a renovación e as variantes entre Monforte e Lemos e nun 27% para electrificación entre Monforte e Lugo. Como consecuencia, este proxecto foi quedando fóra dos orzamentos do Estado, a pesares de que Sánchez chegou a dicir que en 2021 o servizo de alta velocidade chegaría a Lugo. Ano tras ano, foron rexeitando tamén as emendas do PP para tratar de minimizar o agravio ao que se estaba sometendo a Lugo en materia de infraestruturas e especialmente en ferrocarrís.
Como exemplo, nos orzamentos deste ano o PP levou ao Congreso 3 emendas por máis de 25M€ nas que se pedía incrementar a anualidade orzamentaria en 2023 para impulsar a renovación da liña Monforte-Lugo, incluíndo as variantes de Rubián e Canabal-Os Peares, imprescindibles para reducir os tempos de conexión de Lugo con Ourense e, polo tanto, coa alta velocidade. Ademais de incluír unha partida de 150.000 euros para estudar a viabilidade para a conexión ferroviaria entre a cidade de Lugo e Santiago e de Lugo coa Mariña lucense. Unha iniciativa que foi aprobada no Congreso sen o apoio do PSOE.
Foto arquivo