O Plan de Emprego Local (PEL) alcanza os 17,53 millóns, con 1,2 millóns máis para apoiar o emprendemento.
- Un Plan Único de 92 millóns que cada concello pode adaptar ás súas necesidades
- Máis apoio á axuda no fogar para que as persoas maiores poidan seguir na súa casa
- O Plan de Emprego Local medra un 7,1 % e reforza o apoio ao emprendemento
- Máis de 22,5 millóns para conservar as estradas provinciais
- Medran as dotacións de cultura, deporte, educación e igualdade
- Cadro comparativo das principais áreas
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe os orzamentos provinciais de 2027, que ascenden a 293.995.000 euros, a cifra máis alta da historia da institución. O orzamento contou cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP.
As contas medran en 37.445.000 euros respecto das iniciais de 2026, un 14,6 %, e reforzan o financiamento dos 93 concellos da provincia. O principal programa de investimentos, o Plan Único, arrinca 2027 con 92 millóns de euros, catro millóns máis que este ano, para que cada concello poida atender as obras e os servizos que considere prioritarios.
Estas últimas contas do mandato poñen especial atención nos municipios de menor poboación, onde o apoio provincial permite soster servizos de proximidade como a axuda no fogar.
O incremento das transferencias correntes do Estado, que medran en 31,94 millóns de euros, explica a maior parte da suba do orzamento. Como en todos os exercicios anteriores dos gobernos presididos por Formoso, a Deputación da Coruña mantén a “débeda cero” e financiará as actuacións previstas en 2027 sen recorrer a préstamos.
Así o explicou o deputado de Economía (PSOE), José Ramón Rioboo, que lembrou que “cando chegamos ao goberno o Plan de Obras e Servizos era de 25 millóns de euros, aos que se sumaban despois pequenos plans finalistas para facer obras. Nos últimos anos, o Plan Único destinou aos concellos coruñeses 100,5 millóns en 2024, 138 millóns en 2025 e 178 millóns en 2026, cun novo modelo que beneficia todos os concellos e que lles permite decidir en qué queren investir os fondos”, afirmou.
Rioboo xustificou tamén o aumento do gasto social da Deputación “para cubrir as crecentes necesidades dos concellos neste ámbito, que a administración que ten as competencias non cubre”.
O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, incidiu na necesidade de incrementar a partida da área de Vías e Obras. “Hai 2.100 quilómetros de estradas e a partida segue a ser de 32,17 millóns”, afirmou.
A portavoz do BNG, Avia Veira, destacou o cambio que experimentou a Deputación con gobernos progresistas e incidiu en que a filosofía das contas é “que cada euro dos orzamentos chegue aos concellos” e considerou que “as deputacións, mentras existan, teñen que ser un instrumento útil ao servizo dos concellos”, un papel que cumpre a Deputación da Coruña.
O portavoz do PP, Evaristo Ben, criticou “a baixa execución das obras” e a “falta de dirección e estratexia”. Tamén solicitou un plan específico para obras de saneamento e abastecemento de auga nos concellos.
Un Plan Único de 92 millóns que cada concello pode adaptar ás súas necesidades
A principal partida dos Orzamentos é o O POS+2027, que sobre un 4,55%, pasando dos 88 millóns iniciais de 2026 aos 92 millóns de 2027. A dotación reúne 51 millóns consignados nas contas do novo exercicio, 32 millóns que a Deputación anticipou en 2026 e 9 millóns reservados para o POS+ Social.
Como sempre, esta é unha cifra inicial, que irá incrementándose ao longo do exercicio mediante expedientes de modificación de créditos, con frecuencia duplicando a dotación inicial. Así, por exemplo, o POS+ 2026, que comezou cun orzamento de 88 millóns remata o ano con 178 millóns de euros transferidos directamente aos concellos para financiar obras, servizos ou gasto social.
Cada concello poderá decidir que parte da súa asignación dedica a obras e que parte precisa para o funcionamento dos servizos municipais. Os que opten por financiar gasto corrente poderán recibir por anticipado o 100 % da cantidade solicitada para esa finalidade, o que lles dará liquidez para facer fronte ás facturas dos servizos básicos.
Máis apoio á axuda no fogar para que as persoas maiores poidan seguir na súa casa
O POS+ Social pasa de 8 a 9 millóns de euros, un 12,5 % máis, e a partida de Servizos Sociais alcanza os 17,31 millóns. Unha das medidas con maior repercusión para os concellos é a suba de 14 a 16 euros da achega provincial por cada hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A Deputación prevé financiar preto de 400.000 horas de atención en 2027.
A medida responde a unha demanda dos concellos, que afrontan un custo real de entre 22 e 24 euros por hora. O reforzo da atención no domicilio compleméntase co desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores nas Pontes, Rianxo e Ordes, pensadas para que quen precise atención residencial poida recibila preto da súa familia e da súa contorna.
O Plan de Emprego Local medra un 7,1 % e reforza o apoio ao emprendemento
O Plan de Emprego Local (PEL) contará con 17,53 millóns de euros, fronte aos 16,37 millóns de 2026. O maior incremento corresponde a PEL-Emprende, que suma 1,2 millóns e pasa de 6,73 a 7,93 millóns de euros. As liñas destinadas ás pemes alcanzan os 4,9 millóns e o programa PEL-Concellos contará con 3,62 millóns.
Desde a súa posta en marcha en 2016, o PEL contribuíu á creación de 9.033 empregos, apoiou 3.558 novas empresas e concedeu axudas a 5.405 profesionais autónomos. A rede provincial de coworking conta xa con doce espazos compartidos de traballo repartidos nas distintas comarcas da provincia.
Máis de 22,5 millóns para conservar as estradas provinciais
Os plans provinciais de infraestruturas mobilizarán 32,17 millóns de euros, incluídos cinco millóns anticipados en 2026. A maior partida, 22,55 millóns, destínase á conservación das vías provinciais. Outros 5,24 millóns financiarán investimentos en estradas, 2,86 millóns dedicaranse a sendas peonís e 750.000 euros irán ao plan de estradas que se van transferir aos concellos. En 2027, a Deputación prevé tamén rematar a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, que estará completamente operativa e aberta en todo o seu tazado en primavera. Con 56 quilómetros de percorrido sobre as antigas vías do ferrocarril, será a Vía Verde máis longa de Galicia.
Medran as dotacións de cultura, deporte, educación e igualdade
A dotación de Cultura alcanza os 13,65 millóns de euros, un 8,42 % máis, e a de Deportes sobe ata os 8,57 millóns, un 6,28 % máis. Educación contará con 1,90 millóns de euros e Igualdade con 2,61 millóns. O orzamento tamén eleva a 9,39 millóns os recursos para turismo, comercio e artesanía e a achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros, que pasa de 5,5 a 6,07 millóns de euros.
O financiamento dos servizos municipais foi tamén unha das cuestión clave que Formoso trasladou ao Parlamento de Galicia na presentación das liñas xerais das contas da Deputación para 2027. Naquela comparecencia, o presidente advertiu das serias dificultades operativas que afrontan os concellos para atender o encarecemento da enerxía, da recollida do lixo, da depuración ou da axuda no fogar, e reclamou un financiamento estable que acompañe o custo dos servizos que prestan.
Cadro comparativo das principais áreas
| Área ou programa | 2026 | 2027 | Variación |
| Orzamento provincial | 256,55 | 294,00 | +14,60 % |
| Plan Único inicial | 88,00 | 92,00 | +4,55 % |
| POS+ Social | 8,00 | 9,00 | +12,50 % |
| Servizos Sociais | 16,78 | 17,31 | +3,20 % |
| Plan de Emprego Local | 16,37 | 17,53 | +7,10 % |
| Vías e Obras | 32,17 | 32,17 | 0,00 % |
| Cultura | 12,59 | 13,65 | +8,42 % |
| Turismo, comercio e artesanía | 8,09 | 9,39 | +16,13 % |
| Deportes | 8,06 | 8,57 | +6,28 % |
| Consorcio de Bombeiros | 5,54 | 6,08 | +9,69 % |
| Desenvolvemento Territorial | 2,08 | 5,40 | +159,61 % |
| Igualdade | 2,48 | 2,61 | +5,40 % |
| Educación | 1,73 | 1,90 | +9,78 % |