Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local a colaborar solidariamente co pobo marroquí residente no concello

por Redacción A Coruña

O grupo municipal socialista solicita que a corporación manteña unha xuntanza canto antes coa Asociación Abou Baker para colaborar na axuda humanitaria e facer unha declaración institucional de apoio aos afectados polo sismo de Marrocos e as inundacións en Libia.

 O grupo municipal socialista de Arteixo ven de solicitar ao goberno local que manteña canto antes unha reunión coa Asociación Abou Baker para colaborar solidariamente co pobo marroquí tralo sismo devastador do pasado 9 de setembro en Marrocos.

A portavoz socialista, Patricia Boedo, sinala que esta traxedia que causou grandes danos humanos e materiais en distintas rexións do país, “sentímola moi preto” polo importante número de persoas de orixe marroquí que viven en Arteixo.

Ademais Boedo explica que ao sismo de Marrocos engádense as inundacións que provocou o ciclón Daniel en Libia, que causaron nos dous países milleiros de persoas falecidas e feridas, ademais de centos de persoas desaparecidas, así como milleiros de persoas que perderon as súas casas e os seus negocios.

“Estes datos evidencian a magnitude das catástrofes vividas por estes países e a necesidade de colaborar con axuda humanitaria e con todos os medios dispoñibles ao noso alcance para axudar na busca e no rescate das persoas desaparecidas” expón a concelleira socialista.

Por todo isto, os socialistas argumentan a necesidade dunha reunión urxente de toda a corporación municipal coa Asociación Cultural Abou Baker de Arteixo para mostrar a solidariedade cos afectados e para poñerse a disposición desde o concello para colaborar no que se considere oportuno coas comunidades damnificadas.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario