Ruta pola beira do Ulla de Valga e Catoira

por Redacción A Coruña

Asociación Cultural Os Penoucos e obaixoulla.gal organizan un paseo guiado pola beira do río Ulla dos concellos de Valga e Catoira. Será o domingo 3 de setembro, ás 10:00 horas, quedando fixado o lugar de encontro no CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste).

A ruta será guiada por Cristina Conde Escaloni, boa coñecedora da historia local, que partindo do CACTO, percorrerá parte da Ruta do Pai Sarmiento que pasa por diante do Cruceiro da Punta Telleira, a Telleira das Rañas, a Telleira de Roeiro e a Telleira de Padín. Posteriormente ascenderase ao Monte Cabreira para, a parte de contemplar as vistas desde o seu cumio, ver os Gravados do Monte da Cabreira e os restos dos Muíños de vento do Monte Cabreira. Descenderase até o Monte das Mámoas para visitar a Mámoa Nº 1 do Monte das Mámoas e a Mámoa Nº 2 do Monte das Mámoas. Finalizarase nas Torres de Oeste onde se parará no Petróglifo das Torres de Oeste e nos alquerques (Alquerque Nº 1 Torres de Oeste e Alquerque Nº 2 Torres de Oeste), onde se realizará un mini xogo nestes gravados medievais.

Esta actividade é gratuíta, cunha dificultade media-baixa e unha duración de 2-3 horas (incluíndo as paradas para as explicacións).
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario