Arangüena tilda á Xunta de “goberno tóxico” polo seu “escapismo” diante da contaminación por nitratos nos acuíferos galegos

por Redacción Galicia

Censura que Medio Ambiente “mira para outro lado”, evita dar conta das sancións impostas por contaminación e négase a declarar zonas vulnerables

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualificou hoxe á Xunta de “goberno tóxico” por “exercer o escapismo” diante do problema da contaminación por nitratos nos acuíferos galegos. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento na que os acusou de “mirar para outro lado”.

Lembrou que o goberno galego elude exercer as súas competencias para protexer os acuíferos galegos e cumprir coa directiva Marco das Augas da UE, que ten entrado en vigor hai 22 anos, como ten alertado o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Así o constata tamén Greenpeace, que sitúa a Galicia á cabeza do Estado na contaminación das zonas húmidas, ou a Sociedade Galega de Historia Natural, que leva 15 anos dando a voz de alarma.

Arangüena acusou ao goberno galego de situarse “na liña da negación da realidade”, logo de que hoxe se negaran a dar información das sancións impostas por contaminación ás explotacións agrogandeiras, ou que leven todo este tempo negándose a facer o inventario de zonas vulnerables por contaminación por nitratos en Galicia.

Denunciou a pasividade do goberno galego fronte a un “grave problema medioambiental e un potencial problema para a saúde pública”. Acusou ao goberno galego de “permitir que o problema se perpetúe en Galicia e se vaia agravando ano tras ano, como está a suceder na Limia, no Deza e a cunca do Ulla.

Acusou ao goberno galego de “pintar” na memoria de Augas de Galicia unhas cifras “imposibles de contrastar”, cando “a realidade é que hai 238 puntos de vertido contaminante detectados e outros 1.800 que din vostedes que non son contaminantes”. E isto cando “cada verán reprodúcense episodios de troitas mortas” nos ríos, como sucedeu no Tambre, ou os elevados niveis de contaminación na ría de Ferrol, na praia de Testal, en Noia, ou os vertidos da mina de San Finx.

O responsable socialista lamento a “resposta deficiente” do goberno galego, e reclamoulle que tomen medidas “como adoptar prácticas agrícolas sostibles, rotar cultivos, reducir o uso de fertilizantes e xestionar axeitadamente o esterco e os puríns”, así como asegurar que os sistemas sépticos e de tratamento de augas residuais funcionen axeitadamente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario