O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta porá en marcha en outubro o bono turístico #DescubreGaliciaenoutono, unha iniciativa coa que se procura incentivar o turismo interno fóra da tempada alta entre a poboación galega e que deste xeito, segundo apuntou, a comunidade manteña as “excelentes cifras” do verán
”Trátase dunha experiencia de éxito noutras edicións e por iso a reeditamos”, argumentou o mandatario galego sobre a nova edición deste bono, do que explicou que ten un funcionamento similar aos anteriores, pero sen tarxeta de copagamento, posto que o desconto, que será do 40 % ata un máximo de 100 €, realizaranse mediante a descarga do bono turístico na páxina web que se habilitará para tal efecto, que contará un código QR.
Deste xeito, segundo precisou o presidente da Xunta, contarán cun orzamento de 1 millón de euros e estarán dispoñibles 10.000 bonos turísticos co obxectivo de que poida comezar a usarse a medidos de outubro e ata o 25 de decembro de 2023.
Beneficiarios e funcionamento
Rueda explicou que poderán ser beneficiarios desta iniciativa as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, que poderán solicitar un bono desconto por persoa por un valor de 100 € para gastos de aloxamento realizados nos establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxes adheridas, así como nos servizos ofertados polos aloxamentos ou as axencias.
Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa de tal xeito que o importe do bono irase reducindo en función do valor do gasto aplicando un desconto do 40 % do gasto realizado (IVE incluído) ata un máximo de desconto de 100 €.
O titular do Executivo galego salientou que grazas a esta nova edición do Bono Turístico se van mobilizar directamente 2,5 millóns de euros, máis todo o gasto adicional que xera unha viaxe.
Proceso de adhesión
Os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web do programa.
O prazo para que os establecementos turísticos se adheriran ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de decembro de 2023. Tanto os establecementos adheridos como a denominación e a localización dos adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono farase pública na web do programa.