O Grupo Municipal do PP de Sarria reivindica melloras para a parroquia de Belante

por Redacción Lugo

Os veciños reclaman a recuperación do parque situado en Peruscallo (Belante), que foi paulatinamente desmantelado, coa colocación do peche, un columpio para os máis pequenos e algún mecanismo de exercicio ao aire libre para adultos

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Sarria adquiriron cos veciños e veciñas durante a campaña electoral “o compromiso de coidar á poboación e atender a todos e cada un dos territorios que forman parte do municipio de Sarria no que teñen un peso importante cada un dos núcleos”. É por iso polo que “defenderemos en cada pleno que se atendan as necesidades das distintas parroquias que nos trasladan os veciños”. Nesta ocasión, reivindicarán a reparación do parque de Peruscallo e o asfaltado da pista coñecida como A Costiña, na parroquia de Belante.

A voceira popular, Carmen José López, lamenta que “este parque fose paulatinamente desmantelado ata o punto de que a día de hoxe non é nin sequera identificable como parque, senón un espazo descoidado no que unicamente se aprecian os restos do peche e dalgún elemento do pasado”. Ademais, a súa situación de abandono ofrece unha imaxe negativa aos visitantes atraídos polo Camiño de Santiago.

A recuperación deste parque constituiría unha mellora importante para a parroquia supoñendo un desembolso perfectamente asumible para as arcas municipais: “os veciños unicamente solicitan a colocación dun peche como o que tiña no seu día, un columpio para os máis pequenos e algún mecanismo de exercicio ao aire libre que poida ser empregado pola poboación adulta”. Isto permitiría crear un espazo dun carácter interxeneracional dando resposta ás necesidades da poboación de distintos rangos de idade.

Os populares tamén reclaman o asfaltado da pista que vai dende Belante ata o monte onde se atopa a capela de San Marco, que coincide co remate da pista que procede de Ortoá.

“Esta necesidade faise aínda máis patente polo feito de ser a única parroquia da zona que que non dispón dunha vía asfaltada que comunique co monte, ademais de que esta vía serviría tamén de acceso e conexión destes veciños cara a outros núcleos do municipio. Outra actuación que, igual que acontece coa anterior, non suporía un desembolso excesivo para o Concello e contribuiría a mellorar a vida e o día a día da veciñanza e, consecuentemente, facer máis atractivo o territorio”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario