PP e PSOE votan encontra de correxir os erros do Himno Galego

por Redacción Galicia

O catedrático da UDC Manuel Ferreiro, máxima autoridade en Pondal e no himno galego, defendeu esta mañá, en sede parlamentaria, a «Proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión», promovida por Vía Galega e Galiza Cultura. Unha ILP que contou cos votos a favor do BNG pero que foi rexeitada polo PP e o PSOE, malia ter chegado ao Parlamento de Galiza avalada por preto de 16.000 galegos e galegas, por distintas declaracións institucionais ou mocións de deputacións e concellos e co apoio de entidades e asociacións de diferentes ámbitos.

Para Ferreiro a decisión que tiñan que tomar as deputadas e deputados na cámara era clara, «ou deixamos un texto hímnico deturpado, incorrecto, mesmo parcialmente falso, ou optamos pola verdade, recuperando o texto correcto e certo, como corresponde á dignidade do símbolo, das institucións e, en definitiva, do país». E ante esta directa interpelación, os grupos parlamentarios popular e socialista optaron polo primeiro: deixar o texto deturpado, incorrecto e mesmo parcialmente falso rexeitando a ILP e propondo a creación dunha comisión parlamentaria para estudar os posíbeis cambios.

Un desprezo absoluto

Ante isto, o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, valorou con contundencia que a posición do PP e do PSOE «é un desprezo absoluto aos preto de 16.000 galegos e galegas que avalaron esta iniciativa e unha completa desconsideración á investigación que se levou a cabo para constatar que a letra do himno está deturpada».

Xunto a isto considerou que a súa decisión «unicamente se pode entender por un desprezo aos nosos símbolos» e rexeitou a xustificación de constituír unha ponencia no Parlamento. «Isto podíase facer tomando a ILP en consideración e mesmo pedir todos os informes que se viran necesarios», dixo, engadindo que, en todo caso «é cínico, inxustificábel e inaceptábel que estando presentado este tema desde o ano 1996, hai 27 anos, agora veñan con que votan en contra porque necesitan máis informes».

Máis grave aínda valorou o feito de que non solicitaran eses informes cando a comisión promotora da ILP se entrevistou con todos os grupos parlamentares para presentar a iniciativa o pasado mes de marzo e transcorridos seis meses «non tiveron tempo a facelo».

Por iso Louzao afirmou que é tanto máis incomprensíbel o rexeitamento de PP e PSOE a «facer xustiza histórica» logo de recoñecer que, efectivamente o himno está deturpado, porque isto tería que levar a modificalo segundo a súa letra fidedigna, «como cando se comprobou que Rosalía de Castro non nacera o 24 de abril, senón o 23 e se modificou a data».

O portavoz de Vía Galega denunciou ademais que a decisión de PP e PSOE, ás portas dunha nova convocatoria electoral, ten por obxectivo «non abordar a restauración da letra do himno, que quedará unha vez máis esquecida». E adiantou que, malia isto, Via Galega e Galiza Cultural «van continuar batallando até que por fin se faga xustiza histórica». Porque a restauración do nos himno, como ben explicou Ferreiro na defensa da ILP no pleno do Parlamento xustifícase por «razóns de xustiza e de reparación da verdade dun dos nosos símbolos fundamentais» que, en palabras de Pondal, «nos identifica publicamente como fillos e fillas da nazón de Breogán», isto é, como galegos e galegas.

Percorrido pola historia

Na súa intervención Manuel Ferreiro fixo, primeiro, un percorrido pola historia e despois pola cadea de erros incorporados no seu proceso de transcrición e divulgación. A este respecto subliñou que a edición orixinal foi a realizada polo poeta e polo músico en 1890, mais que a difusión real do texto produciuse en Cuba, na revista Galicia, onde foi publicado en dúas ocasións «inzado de todo tipo de erros de impresión e/ou interpretación» que chegaron aos nosos días.

Posteriormente publícase no Boletín de la Real Academia Gallega á morte do poeta, reproducindo a versión difundida en Cuba e, finalmente, ese texto pasa á compilación da lírica pondaliana que a Academia Galega realiza no centenario do poeta, en 1935. Edición da que Ferreiro considerou que a Lei de Símbolos tirou o texto.

Deficiencias textuais

Entre as deficiencias textuais sinalou, alén dalgunha incorrección na puntuación, que na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo; nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano (transparentes, ao, mais), xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística (o artificial soo en vez do orixinal e certo sós); formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano como ronco, «xamais utilizado por Pondal» e un hiperenxebrismo que, afirmou, «repugnaría ao poeta», como iñorantes.

Isto xunto a aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega, como féridos ou a deturpación da expresión orixinal, con chan en vez de clan ‘pobo’, «un celtismo garantido absolutamente polos usos pondalianos, incluídas as redaccións manuscritas», matizou.

Lembrou que o propio Pondal foi consciente destas deturpacións que quixo corrixir sen ter a posibilidade de facelo. Unha oportunidade que, dixo, «pode e debe» agora realizar a Parlamento e que non fixo polos votos en contra de PP e PSOE.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario