Varalonga entrega a Bernardino Graña unha copia do seu novo traballo “Sempre Mar” coincidindo co seu 91 aniversario

O poeta e académico, que inspirou o último disco do grupo musical galego, recibiu unha emotiva homenaxe coa colocación dunha placa na súa casa natal de Cangas

Varalonga estivo moi presente na homenaxe rendida a Bernardino Graña polo seu 91 aniversario. O grupo musical galego entregou ao poeta e académico, fonte de inspiración das súas cancións, o disco do seu último traballo “Sempre Mar”, no que se inclúen temas como «Canción para ir ou mar de pesca», «Para beber auga e viño e estarnos xuntos» ou «Oda aos Mariñeiro de Cangas». Precisamente neste localidade tivo lugar a homenaxe. Colocouse unha placa na súa casa natal por iniciativa do Concello e no acto estiveron os músicos de Varalonga. A colocación da placa e a entrega do disco tivo lugar o 27 de setembro, coincidindo co 91 aniversario de Graña.

A homenaxe tamén contou cunha visita á residencia de maiores  “Stella Maris” de Nigrán onde reside Graña. Foi unha xornada moi emotiva na que se recitaron os seus poemas e  Varalonga interpretou en acústico algúns temas de “Sempre Mar”. Neste traballo Varalonga empregou unha gran variedade de instrumentos, todo isto, combinado coa voz inconfundible de Modesto Parcero e a habilidade do resto dos músicos, o que deu como resultado un traballo discográfico excepcional.

Rafael Carballo «Rafa», Modesto Parcero «Piter», Fernando Pintos «Nandi», Antonio Parcero «Toño», Francisco Juan Fernández «Paco» e Honorato Parcero «Hono» son os actuais membros de Varalonga. Con este novo traballo, o grupo demostra que segue rompendo fronteiras e que a súa forza e sabedoría aumentaron cos anos. Varalonga volveu demostrar o seu talento e a súa capacidade para emocionar ao público coa súa música e as súas letras. «Sempre Mar» é unha obra que non deixará a ninguén indiferente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios