Correspóndelle ao Goberno autonómico, como órgano competente na materia, iniciar os trámites de estudo para a declaración
O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, solicitoulle esta mañá á Xunta de Galicia a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado. Lage trasladoulle a petición por escrito nunha carta dirixida a Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
De acordo coa Lei 12/2023 polo dereito á vivenda, en vigor dende o pasado mes de maio, as comunidades autónomas, con competencias en materia de vivenda, dispoñen de diferentes ferramentas para conter ou reducir o prezo do alugueiro. En concreto a lei permite ás comunidades autónomas declarar como zonas de mercado residencial tensionado os ámbitos territoriais nos que exista un especial risco de oferta insuficiente de vivenda para a poboación. «Os 2.305 demandantes de vivenda pública na Coruña, inscritos a día de hoxe oficialmente no rexistro de demandantes de vivenda protexida do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dan conta de que a oferta actual de vivenda na cidade non responde ás necesidades reais da poboación» sinala o escrito.
Deste xeito, correspóndelle á Xunta de Galicia a preparación dun informe sobre a situación do mercado da cidade, paso previo para a a declaración da Coruña como zona residencial de mercado tensionado e «para poder medir a evolución do esforzo económico que teñen que realizar os cidadáns para dispor dunha vivenda digna e adecuada» explica o edil no escrito.
Lage ofreceulle á Xunta de Galicia a colaboración do executivo local, liderado por Inés Rey, para a posta en marcha do procedemento achegando a información dispoñible sobre a evolución do mercado da vivenda na cidade da Coruña.