Homes ofendidos. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Tampouco é que se precise ir á elite futbolística para atopar estes especimens ofendidos por mulleres que, ou ben non tiveron en conta os seus desexos, ou sinxelamente non están polo labor de correspondelos. Algo inaudito para moitos, acostumados desde a súa cuota de poder, por pequena e reducida que sexa, a impoñer un criterio no que delas o único que se agarda é que asintan e aplaudan. E cando iso non pasa, é porque somos unhas recalcitrantes «feminazis» tentando acabar coas tradicións de toda unha vida, que inclúen o machismo e o sometemento en moitas e variadas maneiras. 

Aí están Alfonso Pérez e Albert Luque, outrora futbolistas de éxito e relumbrón, para deixar patente que os títulos conquistados sobre o céspede non dan categoría persoal nin, moito menos, serven para empatizar con quen atesoura os mesmos méritos, pero é muller. Pérez vén de conceder unha entrevista onde pouco menos que fai chanza do fútbol feminino, tan en auxe agora e batendo récords de licenzas e equipos competindo por todo o territorio. Para el, que xoguen está ben, pero onde vai unha campioa do mundo, ou de Liga ou Champions, a compararse cun home. Estamos tolos ou que? Elas que se divirtan se queren, pero diso a cobrar en consonancia aos seus éxitos, nin que estivesemos de broma. O que xera cartos é o masculino, di el. E quizais non teña nada que ver que durante interminables décadas fose o único que podiamos ver nos medios. O feminino tamén existía, pero non para os «massmedia» patrios. Algo que comeza a cambiar pese aos Alfonso Pérez da vida. Que ante o balbordo polas súas afirmacións sendo tildado de machista, argumentaba que iso era imposible, que tiña nai e filla. E un amigo gai e outro negro, supoñemos. A alcaldesa de Xetafe, Sara Hernandez, do PSOE, non tardou nin un día en retirar o seu nome do estadio da cidade, nun acto que se convirte en exemplo de contundencia contra actitudes machistas que tanto dano fan sobre todo nas novas xeracións, evitando converterse en cómplice como acontece tan a miúdo mediática e fácticamente. De Albert Luque, director da Selección Española de Fútbol, vimos de coñecer as mensaxes dirixidas a unha amiga de Jenni Hermoso onde directamente agarda ver á campioa mundial revolcándose na infelicidade e acuciada por toda clase de males. Todo por non querer salvar o pelexo e os privilexios do seu acosador Luis Rubiales, á quen debera render a debida pleitesía que para iso era o que mandaba. Son os homes ofendidos que agora, cada vez con máis frecuencia, atopan o repudio que merecen dunha sociedade á que custa concienciarse, pero que o vai facendo por fin. E non era sen tempo!

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario