A Xunta asina un novo acordo de patrocinio co CB Breogán

por Redacción Deportes

A Xunta de Galicia asinou un novo acordo de patrocinio co club de baloncesto Breogán, por importe de 50.000 euros, polo que os xogadores lucirán no pantalón de xogo o logo da Xunta

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, acompañado polo director xeral do club, Tito Díaz e a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia, visitou hoxe o adestramento do equipo, ao que felicitou pola primeira victoria en competición europea, o pasado mércores na Basketball Champions League, impoñéndose ao Bursaspor de Turquía no Pazo dos Deportes. “Un trunfo histórico que nos enorgullece a todos os lucenses”, dixo.

Este patrocinio enmárcase dentro do apoio do Goberno galego ao Breogán na súa andaina europea e, segundo resaltou Arias, “chega nun momento clave”, no que o equipo afronta unhas circunstancias difíciles polas lesións de varios xogadores.

Neste mesmo sentido, Tito Díaz salientou que esta colaboración supón “un impulso” para o Breogán “nun ano histórico”, no que compite en Europa despois de 38 anos, e ao mesmo tempo é a tempada de consolidación na ACB “tras dúas tempadas extraordinarias”, o que supón “un reto” para o club.

Arias subliñou o compromiso da Xunta co deporte e particularmente co Breogán, co que mantén varias vías de colaboración. Entre as máis recentes destacou o acordo de patrocinio de partidos da Liga ACB con algo máis de 100.000 euros; así como o apoio económico á Fundación Breogán e na organización das xornadas de tecnificación e charlas divulgativas dirixidas de forma especial a inculcar os valores do deporte na xente moza.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario