O proxecto “El Camino ESS” chega a Galicia para apostar por un turismo alternativo e sostible a través da Economía Social e Solidaria

por Redacción Galicia

Máis de 180 entidades ao longo de Galicia, Castela e León, A Rioxa, Aragón e Cataluña fan parte do proxecto

Na actualidade o proxecto atópase na fase de pilotaxe para avaliar diferentes experiencias e rutas piloto a través de turistas que acceden ao catálogo de experiencias xa dispoñibles. Desta forma, as avaliacións realizadas por grupos de visitantes permiten facer melloras no resto de iniciativas espalladas pola xeografía galega, e mellorar a oferta para construír un catálogo de turismo sostible en constante ampliación.

En Galicia comezarase a testar na Reserva da Biosfera de Allariz e arredores

En Galicia avaliaranse 4 experiencias diferentes, As dúas primeiras rutas serán en Vilar de Santos e Lodoselo, e están enfocadas ao público familiar.  A experiencia “é aldea, é vida”  levará á familia ao completo a ser parte da aldea de Lodoselo (Ourense), coñecendo e participando na proposta educativa e de recuperación do patrimonio cultural e social da comunidade rural da man do CDR O Viso. Logo, a ruta continua en Vilar de Santos, concretamente na Arca da Noe, cunha cata de produtos locais e recomendacións para continuar a tarde pola aldea.

A outra ruta, “do gran á masa” inclúe un obradoiro de pan e pizzas no forno tradicional de Faragullas para as crianzas. Mentres están coas mans na masa, as persoas adultas gozarán dunha cata de cervexa artesá e produtos locais na Arca da Noe. Logo, a familia ao completo degustará unha comida exquisita no forno. Para reservas e máis información: https://experiencias.elcaminoess.com/destinos/galicia  

Nas videiras semanas estarán en aberto o resto de experiencias a testar e, unha vez avaliadas, comezarase a deseñar e subir máis propostas de turismo nas que participarán, como mínimo, 34 entidades galegas que apostan polo coidado do territorio e por un consumo responsable: proxectos culturais locais, medioambientais, cooperativas de desenvolvemento, creación artesá… e moitas máis vinculadas á economía social e solidaria.

O proxecto “El Camino de la Economía Social y Solidaria” enmárcase no programa “Experiencias Turismo España”, subvencionado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a través dos fondos NextGeneration.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario