O PPdeG urxe ao Goberno de España a asumir os “deberes pendentes” con Alcoa e as empresas electrointensivas galegas

por Redacción Galicia

José Manuel Balseiro non oculta a súa preocupación pola situación da factoría lucense e insiste na importancia de garantir un marco enerxético “estable e competitivo”

O deputado mariñán do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, urxe ao Goberno de España a facer fronte aos “deberes pendentes” con Alcoa e outras empresas electrointensivas galegas, que aínda agardan por un “marco enerxético estable e competitivo”, un ámbito de exclusiva responsabilidade estatal.

Con este obxecto, os populares galegos veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que detallan as medidas aínda pendentes. Entre outras, reclaman que se modifique o Estatuto dos consumidores electrointensivos para que a industria galega e española poida competir en igualdade de condicións co resto de industrias europeas, que si están a contar co apoio dos gobernos dos distintos estados.

A iniciativa tamén demanda que se incremente a dotación orzamentaria máxima permitida pola normativa europea para a compensación dos costes indirectos por CO2 da industria electrointensiva e que se activen, canto antes, mecanismos de interrumpibilidade “efectivos” para reducir o prezo eléctrico.

Finalmente os populares galegos tamén fan mención á necesidade de impulsar ferramentas xurídicas e executivas que faciliten os contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPAs), tal e como fixo a Xunta ao favorecer a firma de dous PPAs por parte de Alcoa con promotores de proxectos eólicos.

Desde o Grupo Popular, como desde o propio Goberno galego, veñen alertando hai tempo de que os altos prezos da enerxía están levando ás empresas galegas a baixar a súa produción e mesmo a valorar a súa deslocalización.

Situación de Alcoa

Balseiro non oculta a súa preocupación pola situación de Alcoa, “a primeira industria electrointensiva do país e a única que producía aluminio primario, un metal estratéxico para a economía” e lamenta que o Goberno de España esqueza que está en marcha unha “conta atrás”, de feito, restan dous meses e medio para o remate do prazo acordado para a reactivación da factoría emprazada na Mariña lucense.

O deputado tamén explica que o recente cese de actividade do departamento de Fundición, a única área produtiva que se mantiña operativa nestas instalacións despois do apagado das cubas de electrolises polos elevados custos enerxéticos,  sumados aos problemas de mercado que afronta a refinería de alúmina, está a provocar “inquedanza” entre os traballadores e no conxunto dunha comarca na que esta empresa é o seu principal motor económico.

Cómpre lembrar que os plans da compañía pasan por reactivar a produción das cubas ao 6% a finais deste ano, para elevar progresivamente a produción ata o 100% en outubro de 2025, segundo o acordo pactado pola multinacional e os traballadores e no que a primeira se comprometía a non realizar despedimentos e sufragar unha serie de investimentos e os segundos a manter a paz social.

Comparte éste artículo
2 Comments