Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará este xoves 2 de novembro ao concello coruñés de Padrón
A Casa dos Capeláns de Iria acollerá a partir das 20:00 horas a primeira das charlas do mes de novembro da campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na sesión, aberta a todo o público, as persoas asistentes aprenderán a empregar a aplicación Galicia Nomeada, coa que poderán colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.
O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio coruñés e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada.
Nesta edición a campaña visitará unha ducia de concellos onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia e ata o momento apenas se incorporaron microtopónimos a través da colaboración cidadá, como é o caso de Padrón: desde a porta en marcha da plataforma, só recibiu 80 achegas públicas das máis de 65.000 que incluíron as persoas colaboradoras.
Durante o mes de novembro desenvolveranse outras seis charlas de Toponimízate no país en Amoeiro, o xoves 9 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:00 horas; A Proba do Brollón, o venres 10 de novembro na Casa da Cultura (19:30 horas); Dumbría, venres 17 de novembro no Centro Social de Dumbría (12:00 horas); Maceda, o martes 21 de novembro no IES San Mamede(12:30 horas); e Ponte Caldelas, o venres 24 de novembro no Centro Cultural de Ponte Caldelas (20:00 horas).