Iván Puentes advirte ao BNG: “Non lle imos dar un cheque en branco a ninguén”

por Redacción Pontevedra

O portavoz socialista asegura estar disposto a falar e a chegar a acordos, pero avanza que «o principal obxectivo do PSOE nesta negociación, como en tódalas demais que levamos feito desde que estamos na oposición, é cumprir coa palabra dada aos veciños e veciñas nas eleccións municipais e con aquelas partes do programa electoral que entendemos que debemos ir priorizando xa desde o primeiro ano de mandato»

No marco da comparecencia desta mañá, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, foi consultado sobre o estado dunhas hipotéticas negociacións do orzamento municipal para o ano 2024. O líder socialista indicou que vén de manter unha primeira toma de contacto sobre o tema o martes pasado co concelleiro de Facenda, o nacionalista Raimundo González, que «basicamente nos facilitou o que o alcalde xa anunciara en rolda de prensa a semana anterior, que son os datos xenéricos de gastos e ingresos de cada unha das achegas que coñecemos pola prensa, pero sen nada máis…».

Segundo expresou, «a intención que lle manifestamos ao concelleiro de Facenda foi a que sempre trasladamos cada vez que se nos chama para negociar algo: sempre estamos dispostos a falar e a chegar a acordos, pero non lle imos dar a ninguén un cheque en branco». «Polo tanto, o único obxectivo que temos nesta negociación, como en tódalas demais que levamos feito desde que estamos na oposición, é cumprir coa palabra dada aos veciños e veciñas nas eleccións municipais e con aquelas partes do programa electoral do Partido Socialista que entendemos que debemos ir priorizando xa desde o primeiro ano de mandato», asegurou Puentes.

Tal e como indicou, «quedamos en vernos máis adiante e en que faríamos unha relación de propostas prioritarias para poder incorporar ao orzamento e, por parte do Goberno Municipal, pois que cando tivese confeccionado o primeiro borrador de orzamento (que entendo que aínda non está, porque non se nos facilitou) se nos entregaría para que o podamos estudar, ver como están eses gastos e ingresos e cada partida e cales son as súas intencións para o vindeiro ano».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario