Luis Álvarez tilda os Orzamentos da Xunta de “versión moderna do pan e circo”

por Redacción Galicia

O Grupo Socialista solicita a devolución dos Orzamentos da Xunta, que fracasan no fortalecemento dos servizos públicos e renuncian a empregar os fondos estatais para liderar o cambio produtivo e a aposta polo emprego de calidade

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou hoxe os Orzamentos da Xunta para 2024 de “versión moderna do pan e circo” pola “colección de regalías electorais” mentres deixan de lado o fortalecemento dos servizos públicos e o cambio do sistema produtivo que precisa Galicia. O responsable socialista presentou a emenda de totalidade coa que o PSdeG reclamou a devolución dos Orzamentos para o próximo ano.

Álvarez criticou o conxunto de “medidas sen precedentes, incoherentes coas necesidades da xente, ocorrencias de gabinete e que producen pasmo”. Criticou que se centren en presentar unha serie de “regalías electorais”, como os bonos para material deportivo, para turismo no Camiño de Santiago ou de descontos para cruceiros polo Mediterráneo, que ve “fora de lugar cando temos unha porcentaxe insoportable de poboación en risco de pobreza ou exclusión social”.

Máis alá destas ocorrencias, dixo, os Orzamentos para 2024 fracasan ao facer unha asignación de recursos ineficaz para abordar as necesidades básicas, así como os servizos públicos de sanidade, educación e servizos sociais. Engadiu que “non hai medidas que contribúan á redución das desigualdades sociais, nin medidas para reducir as fendas socioeconómicas” como consecuencia dunha “planificación deficiente e da asignación incorrecta de recursos”.

Explicou que o crecemento “histórico” destes Orzamentos deriva en boa parte do aumento do financiamento finalista do Estado, que dedica 496 millóns de euros máis a Galicia, malia que o goberno galego “intente agochalo”. Sen embargo, este incremento de recursos non está acompañado polas “medidas de protección que precisa a cidadanía no actual escenario de crecemento de prezos”, cando máis da metade dos fogares chegan con dificultade a fin de mes.

Criticou o “bandazo” do goberno galego co Imposto do Patrimonio, que cualificou de “slalon impositivo de medalla, logo do predecible batacazo dos seus colegas madrileños no Tribunal Constitucional”. Advertiu que a Xunta prefire beneficiar ás grandes fortunas no canto de subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, recuperar o modelo de libros de texto gratuítos ou de financiar as primeiras matrículas universitarias no ensino público.

Luis Álvarez reclamou un modelo orzamentario alternativo que “poña as bases para o cambio produtivo que precisa o país e que nos coloque na senda da transición ecolóxica e dixital”. Urxiu un novo proxecto de Orzamentos que “poña as bases para combater o reto demográfico, fortaleza os servizos públicos, aposte polo investimento en I+D+i, o fortalecemento dos sectores produtivos e a industria e que aposte polo emprego de calidade”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario