IV Gala de Igualdade ANPA CMUS Verín: Celebrando a equidade a través da Música

por Redacción Ourense

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín e a área municipal de Cultura, Festexos, Turismo e Conservatorio, organiza a súa cuarta edición “Gala de Igualdade”, que terá  lugar o Auditorio Municipal de Verín o vindeiro venres 24 de novembro ás 19:15 horas.

Así o confirmaron esta mañá na casa consistorial José Luís Tielas, director do CMUS; Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Festexos, Turismo, Conservatorio e Turismo; e Carmen Sola e Javier Díaz, tesoureira e presidente da ANPA do conservatorio, respectivamente.

Baixo o lema «Medrando en Igualdade coa música”, este evento anual -que está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade- convida a toda a comunidade da comarca de Verín a sumarse a unha velada musical única.

Segundo confirmaron desde a organización, a gala será presentada polo destacado músico verinés Álvaro Rúa, acompañado polos seus compañeiros e membros da banda de Gaitas Nova Era.

A velada musical dará comezo coa actuación da compositora María Mendoza e a voz de Shaila González. Pola súa banda, o peche da mesma correrá a cargo do grupo musical «The Tetas» Van, prometendo unha actuación vibrante e chea de enerxía.

Destaca tamén a participación da reputada artista e investigadora do patrimonio musical Mercedes Peón, a quen se lle dedicará unha das aulas do Conservatorio Profesional de Verín en recoñecemento á súa destacada contribución ao mundo da música. Peón tamén terá unha participación activa na gala, na que -a través de dous dos seus videoclips- amosara aos asistentes como é o seu proceso creativo.

Por outra banda, durante a gala presentarase a xa cuarta edición de Revista Alborada Violeta, unha publicación que ofrece un contido diverso con artigos de destacados profesionais e artistas locais vinculados ao ámbito musical.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario