Asistiron á concentración Rosa Rego, concelleira en A Fonsagrada xunto con veciñanza de A Fonsagrada e Negueira de Muñiz
O BNG convocou hoxe , luns 04 de decembro , unha nova concentración na Fonsagrada pola defensa da sanidade pública da comarca. Rosa Rego, concelleira do BNG na Fonsagrada, explicou que na actualidade o Centro de Saúde da vila conta só con 3 médicas que atenden á veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, preto de 4.000 persoas cunha media de idade moi avanzada. «A Xunta intenta facer na Fonsagrada o que xa se fixo noutros centros de atención primaria, redúcese a calidade do servizo ata pechar o centro de saúde», afirmou Rosa Rego.
«Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada e facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse ata Becerreá, temos que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria», afirmou Rosa Rego, que engadiu «eliminouse o médico compartido con Negueira de Muñiz, como fixeran xa antes co de Ribeira de Piquín, na Fonsagrada perdemos un facultativo 3 días á semana». O BNG destaca a gravidade da situación, dado que no vindeiro mes xubílase outro médico, e a veciñanza teme que o SERGAS non cubra a praza como realizou en outros concellos.
A resposta a esta concentración foi masiva por parte da veciñanza de A Fonsagrada e de Negueira de Muñiz, onde se decidiu seguir adiante con outras medidas ata conseguir que o SERGAS revirta esta situación. O seguinte paso será unha caravana de coches dende o centro de saúde ata o Hula, onde se fara unha concentración xunto coa veciñanza de Negueira de Muñiz.