Alfonso Villares: “Lugo vai ser a única provincia de Galicia e a única capital de provincia sen AVE”

por Redacción Lugo

O PP lucense reivindica que o Goberno de Sánchez retome as variantes de Rubián e Os Peares-Canaval polo anterior Goberno do PP e que son «imprescindibles» para que a alta velocidade chegue á provincia e á súa capital

Alfonso Villares, nº3 da candidatura do PP lucense para as vindeiras eleccións autonómicas lamenta que “Lugo vaia a ser a única provincia e a única capital de provincia  galega que quede sen conexión ao AVE”.

Así se desprende da resposta do Goberno de España aos senadores lucenses sobre a conexión coa alta velocidade; xa que ante preguntas dos senadores do PP lucense, “o Goberno non foi capaz de concretar prazos, nin falou do tempo de conexión con Madrid nin confirmou se imos ter alta velocidade ou non”.

É por iso polo que senadores, deputados, alcaldes, portavoces e membros da candidatura ás autonómicas reclamaron conxuntamente dende a estación de tren de Rubián, en Bóveda, que “o Goberno do Estado que preside Sánchez retome as variantes de Rubián e Os Peares-Canaval, que deixara proxectadas un Goberno do PP” porque “son imprescindibles para que chegue a Lugo a alta velocidade”. Os populares explican que as variantes son imprescindibles porque o actual trazado ferroviario non permite que ningún tren poida circular pola provincia a alta velocidade.

Villares subliñou que “o Goberno do PSOE-Sumar apoiado polo BNG non ten interese por traer a alta velocidade á provincia de Lugo”. E esta falta de interese apréciase tamén no “mal estado no que se atopan as estradas nacionais coma a A-6, igual que as provinciais debido á política do bipartito na Deputación de Lugo que goberna para determinados feudos que eles gobernan”. Así, considera que “esta forma de gobernar non é o que lle interesa nin a Lugo nin a Galicia”.

CONTRADICIÓNS CONSTANTES DE PSOE E BNG

Os populares inciden en que “o Goberno de Sánchez di o contrario do que promete o candidato socialista á Xunta”. É dicir, “preséntase como garante de todo; pero o certo é que o Goberno desdí o que anuncia o candidato do PSOE en Galicia que presume de ser o presidente da Comisión de Transportes no Congreso”.

“Estas contradicións non nos deben estrañar” tendo en conta que “tanto os propios compañeiros do candidato socialista coma os seus socios en Madrid recoñeceron no Parlamento que é necesario retomar estas variantes” ao favorecer a aprobación no Parlamento de Galicia, por unanimidade, dunha proposición non de lei do Grupo Popular para demandar ao Goberno de España que execute as variantes ferroviarias dos Peares-Canaval e Rubián. 

“O BNG tamén está instalado na contradición constante. En Galicia recoñecen que as variantes son imprescindibles e votan conxuntamente co PP, pero en Madrid non son capaces de conseguir nada”. É dicir, “apoian a Sánchez unha e outra vez, pero a cambio de nada”.

Os populares subliñan, así mesmo, “a falta de interese do PSOE e BNG por conectar Lugo á alta velocidade” toda vez que “os agora candidatos á Xunta de ambos partidos se esqueceron destas variantes no acordo asinado para investir a Sánchez presidente”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario