A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, mantivo hoxe un encontro de traballo no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para analizar as liñas de axudas aos concellos para a xestión do ciclo da auga. No encontro tamén participaron a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas en Ourense, Pilar Fernández, o director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe; e o director técnico de AquaOurense, Víctor Comesaña, empresa mixta formada por Deputación e Viaqua.
A vicepresidenta primeira da Deputación destacou a importancia dunha reunión na que se abordaron as axudas aos concellos para coñecer as perdas de auga que teñen na súa rede e tamén para colaborar na súa mellora.
Na reunión, a conselleira de Infraestruturas informou que a Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG) dúas convocatorias de axudas por máis de un millón de euros destinadas a realizar auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións cun importe total de 300.000 euros, e outra liña de axudas para a execución de obras que minimicen as perdas de auga en entidades locais de Galicia cun investimento global de 737.606 euros.