É venres e xa arrecende a fin de semana, a madrugóns en sábado ou domingo, mochilas apiladas nos maleiteros dos coches e sobre todo, a nenez. Infinita paisaxe de diminutos proxectos de futbolistas, de xogadores e cada vez máis xogadoras embarcados cara algún campo da contorna co seu impoluto uniforme de xogo, que de seguro á volta non o estará tanto, pero si ca pegada dunha mañá rodando polo céspede, e non sempre co balón.
Na Escola Juan Cabrejo do Concello de Camariñas, que vive a súa terceira tempada desde que nacera na 2.021/22, saben abondo diso, pois contan con categorías de Base que reúnen a máis dun cento de nenas e nenos de diversas idades, a partir de tres anos que comeza a iniciarse un «Biberón» ata dezáseis que remata un «Cadete», ademais dun equipo sénior Feminino de estrea este ano. Os días azuis, enmarcados na súa vestimenta, pasan pola aprendizaxe, o compañeirismo e a diversión nunha vila tan identificada co fútbol coma foi sempre Camariñas, onde o fundador da Escola, Juan Cabrejo, foi un dos máis míticos xogadores de toda a Costa da Morte, e onde o acompaña entre outros Pepucho exercendo de adestrador, ao longo de moitos anos puntal daquel Camariñas triunfante e campión, sempre baixo o mandato de Vicente Carril, asiduo aínda agora a canto partido haxa no campo que desde hai pouco leva o seu nome. Co total apoio do Concello camariñán, a estirpe futboleira que medra a carón do mar será a herdeira dun pasado que volve a vestir o presente de luminoso azul.
Foto portada: Escola Juan Cabrejo – Concello de Camariñas