A plataforma cidadá Chantada Quere Sanidade creouse a finais de outubro do pasado ano, recollendo o testemuñão da loita encetada polo servizo de pediatría desde xuño de 2017 pola plataforma Chantada quere pediatría. Aglutina aos veciños das vilas de Chantada e Carballedo que entenden que a calidade asistencial dos servizos sanitarios que se ofrece no centro de saúde ou no hospital de referencia, o Hospital de Monforte, é cada vez máis deficiente e non responde ás necesidades dos usuarios. Dende a plataforma leváronse a cabo varias accións para chamar a atención das administracións e poñer o foco sobre a alarmante situación na que se encontra a atención primaria e mesmo as especialidades hospitalarias no noso distrito sanitario, os veciños de Chantada e Carballedo organizáronse para demandar melloras asistenciais e ata o de agora organizaron dúas concentracións no centro de saúde, unha manifestación que recorreu a vila, enviamos unha carta ao xerente da área sanitaria de lugo, a que a día de hoxe aínda non se deu resposta. No día de hoxe e dando un paso máis nas reivindicacións entregouse na Consellería de Sanidade 3720 firmas dos veciños e veciñas.
Chantada Quere Sanidade entendemos que dende a institución sanitaria se está a xogar coa nosa saúde, en ocasións poñendo en risco a nosa vida e a dos nosos familiares, grazas a teimas ben planificadas que pretenden degradar a sanidade pública. Pedimos que se reverta esta situación e que se escoite a voz das 3720 persoas que coas súas sinaturas piden melloras que neste momento son capitais na atención sanitaria do Centro de Saúde de Chantada que comparte Punto de Atención Continuada (P.A.C.) con Carballedo e no Hospital de Monforte. Pedimos que se se atendan as nosas demandas e se actúe en torno a catro eixos:
- Reabrir consultas pechadas no Centro de Saúde de Chantada, cubrir xubilacións, baixas ou vacacións facendo que a atención primaria funcione a pleno rendemento e cos facultativos necesarios en cada xornada para atender a unha poboación de preto de 8000 persoas.
- Os ratios médico-paciente deben ser mellorados para garantir unha mellor atención primaria, con máis tempo de consulta e menos tempos de espera para obter unha cita de atención primaria ou de un especialista.
- Un segundo equipo de urxencias para atender as poboacións de Chantada e Carballedo pois un único equipo e claramente insuficiente ante as situacións que poideran darse.
- Recuperar especialidades do Hospital Comarcal de Monforte e traballar para que este poida dar unha atención adecuada e a pleno rendemento aos usuarios do sur de Lugo.