Confírmase a afectación da mina da Penouta á traída municipal de augas de Viana do Bolo. As analíticas encargadas este mes de febreiro por Ecoloxistas en Acción evidencian a presenza de niveis de arsénico na propia captación de aug
as por riba dos máximos permitidos polo Real Decreto 3/2023. «Era un secreto a voces, polos numerosos cortes de suministro dos últimos anos motivados polos enturbiamentos«, sinalan desde a organización ecoloxista.
Unha captación de auga pertencente a traída municipal de Viana de Bolo supera a concentración máxima de arsénico permitida para o consumo humano. Dita captación atópase a apenas 500 metros da denominada «Balsa de Roldán». Balsa de lodos sobre a que, precisamente, ven actuando na última década a empresa Strategic Minerals, ata que no pasado outono o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou unha medida cautelar paralizando a explotación por irregularidades na tramitación ambiental na autorización mineira outorgada pola Xunta. «Apenas estivo uns meses activa a explotación mineira e xa se nota a contaminación nunha das captacións principais de auga que abastece ademais do nucleo urbano de Viana do Bolo a Santa Mariña de Froxais, Punxeiro, Froxais,San Martiño e Barrio de Terroso«, denuncian desde Ecoloxistas en Acción.
Xa en 2018 a empresa municipal de augas de Viana do Bolo denunciara ante a Garda Civil e o 112 as verteduras procedentes da mina, que obrigaran a interrumpir o suministro á cabeceira municipal e outros núcleos, motivando unha sanción de 13.000 euros da Confederación Hidrográfica. En 2020 un incidente na balsa mineira voltou a forzar a interrupción no abastecemento de auga, prohibindo o alcalde de Viana do Bolo o seu consumo para beber ou cociñar. Non obstante, nin o Concello nin a Confederación Hidrográfica analizaron os niveis de arsénico, a pesar de que Ecoloxistas en Acción remitiu ao concello en maio de 2021 un informe sobre o risco de envenenamento por metais pesados.
O Concello co-demandado en defensa da actividade da mina
Ecoloxistas en Acción censura que no pasado mes de xaneiro o Concello de Viana do Bolo, que goberna Andrés Montesinos (Partido Popular), se personara como codemandado no contencioso que se segue no Tribunal Superior de Xustiza pola autorización ilegal outorgada pola Xunta, utilizando fondos públicos para defender os intereses da empresa mineira, cando debería primeiro velar pola saúde da veciñanza afectada.
«Esiximos que tanto o concello de Viana do Bolo, como a Xunta e a Confederación Hidrógráfica exerzan as súas responsabilidades controlando a calidade das augas que está consumindo a poboación Continuaremos realizando as nosas propias análises para remitir ao Xulgado, dado que esta contaminación pode constituír un delito contra a saúde pública», advirte Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
O pasado mes de dezembro a xustiza deu a razón a Ecoloxistas en Acción ao tumbar os recursos da Xunta e da empresa mineira contra a medida cautelar de suspensión da explotación imposta polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A suspensión foi debida a que durante a tramitación do proxecto a Xunta omitiu a preceptiva avaliación dos impactos sobre a Rede Natura 2000, a pesar de estar a cero metros da Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca. Pero segundo ecoloxista sen Acción, «todo apunta a que ademais hai un grave problema de saúde pública, non só un delito ambiental».