A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, venres 23 de febreiro, ás 12:00 horas, a rolda de prensa de presentación da décima edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que organizan a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña baixo o paraugas da asociación ingeniera.soy. O acto estará presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Vicente Díaz Casás, e o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra Permuy.
A FIRST LEGO League Galicia terá lugar o vindeiro sábado 2 de marzo no Campus Industrial de Ferrol e, máis concretamente, na Escola Politécnica de Enxeñaría e na Facultade de Humanidades e Documentación. O Xogo do Robot disputarase no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios levarase a cabo no Auditorio Municipal de Ferrol. Ao igual que en edicións anteriores, o evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego – dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade –, da Deputación Provincial da Coruña e do Concello de Ferrol. Ademais, patrocina a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.
Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en tres categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este é un desafío conformado por tres ámbitos de traballo:
- Deseñar, construír e programar un robot
- Desenvolver un proxecto de innovación que dea solución a un problema proposto por eles mesmos dentro da temática anual
- Demostrar uns valores de equipo
A FIRST LEGO League ten unha dobre misión:
- Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos
- Desenvolver habilidades e competencias de futuro