Recolleranse produtos non perecedoiros a favor do Banco de Alimentos de Santiago (Balrial)
O enfrontamento da SD Compostela contra a RS Gimnástica de Torrelavega deste domingo 3 de marzo, ás 16.45 horas, no Estadio Verónica Boquete será un partido solidario. O club colabora neste duelo co Banco de Alimentos Rías Altas Santiago de Compostela (Balrial) cunha recollida de alimentos nos accesos ao encontro.
A doazón centrarase en produtos non perecedoiros a favor do Banco de Alimentos Rías Altas Santiago de Compostela, que ao mesmo tempo será o patrocinador do duelo da xornada 25 do Grupo 1 da Segunda RFEF.
Ademais, como agradecemento a todos aqueles que decidan colaborar con esta iniciativa solidaria, terán o acceso de balde ao partido. Deste modo, tan só por entregar algún dos produtos citados na Lista Básica, permitiráselle a entrada ao Estadio.
Trátase dunha iniciativa fundamental para axudar a centenares de familias e reflicte os valores do Compos, como destaca Miguel Fernández, xerente do mesmo.
Cesta básica de produtos Balrial
Leite, cacao, cereais de almorzo, aceite, conservas de peixe, conservas de vexetais, salsa de tomate, comida preparada en lata, leite infantil, potiños, azucre, fariña, arroz e legumes.
Do mesmo xeito, como complementos esenciais, tamén se solicitan produtos de hixiene persoal.
Foto portada: Jesús Figueroa / Fílmate Foto